O BNG organiza unha charla sobre a rehabilitación do Casco Histórico co alcalde de Allariz

O BNG organiza unha charla sobre a rehabilitación do Casco Histórico co alcalde de Allariz

As escaleiras da praza de Lanzós tamñen teñen este problema

“Mentres PSOE e PP conciben o Casco Histórico como un problema, nós entendemos que é a oportunidade para crear emprego en Betanzos. A cuestión é que nada que sexa percibido como un problema pode poñerse en valor”

O venres ás oito da tarde o BNG organiza unha charla coloquio sobre o Casco Histórico co alcalde de Allariz, Francisco Garcia.

Betanzos, 14 de abril de 2015. O BNG reclamou “medidas contundentes na rehabilitación e posta en valor dos barrios históricos de Betanzos”. Os nacionalistas aseguran que “caen as casas, practicamente unha por semana, mentres o goberno local e a Xunta non fan nada e ao PSOE e o PP só lles interesa botarse en cara a ruína do Casco Histórico ou a prometer inversións en cada campaña electoral que nunca á realidade chegan”.

“Mentres os gobernos de PSOE e PP quedan quietos, o Casco segue a caer”, advertiu o candidato de BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía, Henrique del Río. Neste sentido, o voceiro nacionalista lamenta que o mandato municipal que remata supuxese “catro anos sen facer absolutamente nada para recuperar o Casco Histórico para non molestar a ninguén”. “A última é acotar a metade da praza de Fernán Pérez de Andrade para os coches e a outra metade para os peóns, privando a veciñanza e turistas dun enclave único”, lamentou.

“No BNG-Asembleas Abertas propoñemos un modelo alternativo á especulación que defenden PSOE e PP”, explica o edil frontista. “O Casco Histórico precisa outro modelo, non necesita pasar de páxina senón cambiar de libro”, resumiu. “Mentres PSOE e PP conciben o Casco Histórico como un problema, nós entendemos que é a oportunidade para crear emprego en Betanzos”, asegura Del Río. “E a cuestión é que nada que sexa percibido como un problema pode poñerse en valor”, lamentou.

Allariz é o modelo do BNG para Betanzos, témolo claro; saben PSOE e PP que modelo para Betanzos defenden?

“Se Betanzos pretende ser un municipio turístico terá que selo en torno ao patrimonio, tanto cultural como natural”, engadiu o candidato nacionalista. “Neste sentido o Casco Histórico é a clave e só funcionará se se aposta decididamente e sen complexos polo centro comercial aberto para garantir a vida nas rúas comerciais”, explica. “Esta medida pode complementarse con outras como o banco de locais comerciais, mercados sectoriais ou o traslado de parte das feiras ás prazas do Casco que propuxemos neste mandato e que o PSOE non quixo levar adiante” explica Del Río.

Así é imposíbel facer que o Casco Histórico se recupere

Neste sentido, desde BNG-Asembleas Abertas consideran que é prioritario “crear un instrumento público que dea un pulo definitivo á rehabilitación porque deixalo todo nas mans dos particulares é evidente que non resolveu nada”. Ademais, segundo os nacionalistas, é necesario habilitar vivenda de promoción pública e levar adiante proxectos de rehabilitación onde se integren colectivos sociais e mesmo un programa de aluguer social.

"Só cando o Casco Histórico deixe de ser percibido como un problema e pase a verse como unha oportunidade Betanzos terá futuro"

“Non houbo estes anos preocupación por crear espazos verdes no Casco Histórico, por crear novos espazos para as persoas poñendo mobiliario de rúa nin para levar os organismos públicos ás zonas históricas e construír alí as novas infraestruturas que sexa posíbel” lamentan os nacionalistas. “O futuro do Casco Histórico depende deste tipo de medidas, que só son viábeis se se restrinxe o máximo posíbel o acceso de automóbiles ao Casco Histórico e regular o aparcamento dando prioridade ás persoas residentes” engaden.

“Todas estas medidas evitarían que continuase o proceso de degradación do Casco Histórico e podería facelas o Concello sen grandes investimentos” explica Henrique del Río. “Con estas propostas o Casco Histórico deixará de ser un problema e pasa a ser unha oportunidade: a partir de aí é cando se pode poñer en valor e funcionar como a locomotora que tire do progreso de Betanzos”, concluíu Del Río.

Modelo alternativo de calidade probado con éxito en Allariz

“O modelo que propomos non é unha ocorrencia teórica, o BNG teno probado con éxito nos núcleos históricos onde goberna, mesmo con recoñecemento internacional”, explica Del Río. “Todo o mundo coñece Allariz e o que o BNG fixo alí para darlle a volta a un concello que morría”, explicou.

Neste sentido, BNG-Asembleas Abertas organiza unha charla-coloquio con Francisco García, alcalde de Allariz, o vindeiro venres 17 na Libraría Biblos. O rexedor explicará o proceso de rehabilitación e posta en valor do centro histórico alaricano e dará algunhas claves para levar este proceso en Betanzos. “Allariz é o modelo do BNG para Betanzos, témolo claro; saben PSOE e PP que modelo para Betanzos defenden?” concluíu Del Río.

O BNG organiza unha charla sobre a rehabilitación do Casco Histórico co alcalde de Allariz