O BNG anunciou que ven de presentar unha iniciativa no Parlamento galego para reclamar á Xunta que achegue fondos para a rehabilitación do Parque do Pasatempo
O presidente da Xunta comprometeuse a achegar fondos para rehabilitación do Parque do Pasatempo o ano pasado na súa intervención no acto do 800 aniversario e, segundo informou a alcaldesa tamén nunha reunión no mes de outubro. Pasou un ano, e seguimos agardando un compromiso real da Xunta, que ten a competencia en Patrimonio co Pasatempo
Betanzos, 28 de setembro de 2020. O BNG anunciou hoxe que ven de presentar unha iniciativa no Parlamento galego para reclamar á Xunta que achegue fondos para a rehabilitación do Parque do Pasatempo. O BNG fixo pública a presentación desta iniciativa coa presenza da deputada Mercedes Queixas, do vicepresidente da Deputación da Coruña, até o momento única institución que achegou orzamento para a conservación do Parque, Xosé Regueira e a portavoz do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez.
“O presidente da Xunta comprometeuse a achegar fondos para rehabilitación do Parque do Pasatempo o ano pasado na súa intervención no acto do 800 aniversario e, segundo informou a alcaldesa tamén nunha reunión no mes de outubro. O caso é que pasou un ano, e seguimos agardando un compromiso real da Xunta, que ten a competencia en Patrimonio co Pasatempo”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. “Por iso pedimos que se reserve no orzamento para o vindeiro ano unha partida para impedir a desaparición do Parque”, indicou.
“O Pasatempo leva pechado desde outubro de 2018, van dous anos desde que se produciu o derrubo no estanque do retiro ao baleiralo, e nestes dous anos o proceso de deterioro do mesmo acelerouse”, explicou a portavoz do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez. “O único compromiso real co Parque é o crédito que a área de Patrimonio da Deputación, que dirixe o noso compañeiro Xosé Regueira, leva anos reservando á espera de que o concello achegara un proxecto para intervir por fin na consolidación do estanque e que parece que por fin agora está a piques de entrar na fase de contratación”, engadiu a portavoz do BNG de Betanzos.
Desde o BNG consideran prioritaria a intervención decidida no Pasatempo, o primeiro parque temático de Europa, declarado BIC no mes de febreiro e que permanece pechado ao público. “É fundamental poñelo en valor e conservalo, porque o Pasatempo e a lembranza do noso pasado mais tamén unha grande oportunidade de futuro para Betanzos”, concluíron.
Retirada da pasarela de acceso
Desde o BNG criticaron tamén a falta de criterio do goberno local no que respecta á retirada da Pasarela de acceso ao Parque, despois do anuncio da solicitude do cambio de uso dos fondos POS que pediran para o seu amaño. “A obra de amaño da pasarela ía incluído no POS aprobado polo Pleno en decembro de 2017, e xa naquel momento o BNG foi o único grupo que votou en contra deste proxecto polo dano que o peso da pasarela provoca á conservación do Parque. Por suposto alegrámonos de que o goberno local chegara á mesma conclusión, pero son dous anos perdidos en que eses fondos xa se podían ter investido en consolidar o Parque para impedir o seu deterioro”, explicou Amelia Sánchez.
O BNG presentou tamén unha moción ao Pleno que se celebrará mañá martes no que piden que o goberno local esixa á Xunta que cumpra as súas promesas e reserve crédito para a rehabilitación do Parque e que se usen os fondos reservados para o amaño da pasarela para intervir na consolidación do mesmo.