O BNG advirte de novas irregularidades noutro proceso selectivo
O PSOE empezou a lexislatura cometendo irregularidades e ilegalidades na contratación de persoal e polo que se ve pretenden acabar exactamente igual
O Concello aprobou neste mandato unhas bases xerais para a contratación de persoal laboral adaptadas á lei e consensuadas cos grupos da Corporación e os representantes dos traballadores que ao alcalde e ao PSOE non lles deu a gana de aplicar nin unha soa vez
Betanzos, 28 de marzo de 2015. O BNG denunciou varias irregularidades nas bases aprobadas polo goberno local do PSOE para cubrir dúas prazas de forma temporal. O PSOE empezou a lexislatura cometendo irregularidades e ilegalidades na contratación de persoal e polo que se ve pretenden acabar exactamente igual, lamentou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas advirten que o temario exixido polo PSOE para a praza de sicólogo para Servizos Sociais son 40 temas. A lei, en concreto o Real Decreto 896/1991 establece que son 90 os temas mínimos para unha praza deste tipo, e que ademais deben adaptarse á lexislación vixente, estando regulados no Estatuto Básico do Empregado Público, advirte o edil do BNG. Outro tanto podemos dicir do temario mínimo para a praza de auxiliar administrativo, onde o PSOE porque lle peta pide 12 temas cando a lei establece que serán, como mínimo 20, explica.
Na praza de auxiliar administrativo, ademais, os nacionalistas denuncian que a titulación exixida ás aspirantes non se adapta ás novas titulacións. A titulación requirida de Formación Profesional debe ser a técnico/a superior encadrada no novo grupo B, explica Del Río.
En ambos casos, ademais, desde o BNG denuncian que a fase de concurso supera o 40% da valoración, cando legalmente ten esa porcentaxe como límite, e debería valorarse con 8 puntos e non con 10. Ademais, na fase de oposición os nacionalistas advirten que no primeiro exercicio a penalización por fallo non debe ser inferior á porcentaxe de atinar se contestas a boleo.
Unha vez máis o goberno municipal do PSOE sáltase a lexislación que regula o acceso ao emprego público porque lle peta, explica o voceiro nacionalista. Está claro que se fai estas cousas, que calquera persoa que se presente a unha oposición detecta ao momento, non é por erro ou por descoñecemento, engade Del Río. Se desde o minuto cero desta lexislatura vimos denunciando este tipo de cousas e o PSOE as mantén, desde logo é porque algún interese ten en saltarse a lei, sostén. Pedir menos temario e unha titulación inferior á que establece a normativa ven sendo deseñar as bases en base a algún perfil concreto, uso e moda do PSOE en Betanzos, resume.
O Concello aprobou neste mandato unhas bases xerais para a contratación de persoal laboral adaptadas á lei e consensuadas cos grupos da Corporación e os representantes dos traballadores que ao alcalde e ao PSOE non lles deu a gana de aplicar nin unha soa vez, relata.
Relegan o coñecemento do galego ao nivel dun curso de mecanografía
Como ven sendo habitual no goberno do PSOE nos últimos meses, tamén expulsan o galego da selección do persoal ao servizo do Concello, denuncian os nacionalistas. Como establece a Lei 13/2007 da función pública galega, o coñecemento do galego é un requisito no acceso á función pública galega, explica Del Río. Sen embargo, as bases aprobadas polo PSOE contano como mérito, non como requisito, denuncia. Ao computar como mérito, o dominio do idioma do país que o Concello está obrigado a usar queda ao mesmo nivel que un curso de mecanografía ou de power point, resume.