O BNG pide concreción na moción institucional sobre os colexios
Mentres que a proposta do alcalde non marca prazos, a nosa proposta é instar á Xunta de Galiza a comprometer os fondos e os medios para que o aulario do Carregal abra as portas o vindeiro curso como colexio de educación infantil independente
Betanzos, 27 de marzo de 2015. O BNG fíxolle chegar ao alcalde as súas propostas para concretar e mellorar a moción institucional que quere aprobar sobre o colexio. Para o Bloque o tema do colexio é unha cuestión fundamental e irrenunciábel, así que evidentemente imos apoiar a moción institucional, aseguroulle o voceiro nacionalista, Henrique del Río, por correo electrónico ao rexedor.
As propostas do BNG céntranse nos acordos que o alcalde propuxo ao resto dos grupos. Sobre a exposición de motivos podiamos facer cincuenta mil apreciacións, porque houbo moitas máis mocións neste mandato que as que presentou o PSOE como grupo político, pero iso é o de menos explicoulle Del Río. Pedimos sempre unidade neste asunto e iso non vai ser, desde logo e pola nosa banda, impedimento asegurou.
Os acordos que propón o alcalde son tan vagos e inconcretos que o mesmo PP pode apoialos sen problema porque non hai prazos nin melloras concretas, aínda que non fixese nada no vindeiro ano non o estaría incumprindo
Neste sentido, o alcalde quere demandar a Consellería de Educación que o novo centro sexa declarado como colexio independente e non aulario mais o BNG avogou por modificar o acordo marcando prazos para esta conversión. Neste sentido a nosa proposta é instar á Xunta de Galiza a comprometer os fondos e os medios para que o aulario do Carregal abra as portas o vindeiro curso como colexio de educación infantil independente, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río.
No mesmo sentido, o BNG avogou por concretar as distintas melloras no Vales Villamarín; e se amplíe o número de docentes que propón como acordo o alcalde por melloras concretas. Desde o BNG pensamos que é necesario concretar que as melloras son mudar o tellado e fiestras do CEIP Vales Villamarín e incrementar o cadro de persoal consonte ao que ANPA e dirección veñen demandando, indicou Del Río. Coidamos que é importante facer a referencia a dirección e ANPA no propio acordo neste sentido explicoulle Del Río ao alcalde, en base ás carencias que o actual colexio ten no illamento térmico e no cadro docente.
Os acordos que propón o alcalde son tan vagos e inconcretos que o mesmo PP pode apoialos sen problema porque non hai prazos nin melloras concretas, aínda que non fixese nada no vindeiro ano non o estaría incumprindo, explica o nacionalista. O BNG vai apoiar a moción institucional de igual modo porque pensamos que é un tema fundamental e a unidade na defensa do ensino público e indispensábel para conseguir mellorar a situación, mais cremos que introducindo as nosas propostas queda moito máis concreta no tocante a demandas de medios, reparacións e prazos para termos como cidade o que nos corresponde en dereito, asegura o voceiro do BNG.