O BNG abstense cun discurso moi crítico no pleno para aprobación do POS

Salvador González: “O goberno local do PSOE ten sen executar as obras do POS de 2023 e por suposto as do pasado ano. Ademais imos recibir este ano entre 40 e 50 mil euros menos ao mes pola retención dos ingresos do Estado”

Desde o BNG defenden que sería máis oportuno dedicar o POS a gasto corrente para non comprometer aínda máis situación económica do concello

O BNG abstense cun discurso moi crítico no pleno para aprobación do POS

Betanzos, 6 de febreiro de 2025. O BNG abstense cun discurso moi crítico no pleno extraordinario para aprobación do Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS).

O concelleiro nacionalista, Salvador González, cuestionou as formas do goberno local. “As cousas teñen uns prazos e un procedemento, mesmo legalmente estabelecido. O POS non é un tema urxente nin extraordinario, desde finais de novembro sabían cando finalizaba o prazo para solicitar o POS, mañá, día 7. E sen embargo convocan a comisión informativa e o pleno por urxencia, envían parte da documentación 5 horas antes da comisión e outra parte  hoxe mesmo horas antes do Pleno”, explicou o concelleiro do BNG. 

“Convocan un pleno o último día de prazo, sabendo que por responsabilidade non imos bloquear a solicitude destes fondos da Deputación para o noso concello. Seguen gobernando como se tivesen maioría absoluta, exactamente igual que o anterior mandato, sen contar coas achegas da veciñanza, sen negociar a proposta cos outros grupos e sen corrixir un ápice a falta de participación e transparencia do mandato anterior, a pesar de que agora dependen vostedes do apoio doutros grupos para sacar adiante as súas propostas”, engadiu Salvador González. 

“Xa indo ao fondo da proposta, non dubidamos que as obras que propoñen tanto no cemiterio municipal, no parque de Pintor Seijo Rubio ou os asfaltados en Touriñao son necesarias, o que si dubidamos é da oportunidade”, explicou González. 

Desde o BNG indicaron que o concello de Betanzos ten sen executar as obras do POS de 2023 e por suposto as do pasado ano. Ademais vai recibir este ano entre 40 e 50 mil euros menos ao mes que é a cantidade que nos vai reter o estado despois de facer fronte ao pago aos provedores e de que o pleno, debido ao voto da dereita, non aprobase o plan de axuste. 

“En consecuencia, imos ter menos ingresos pero non vemos un intento de conter o gasto e a súa proposta e pedir o POS para obras, maioritariamente, agás un 30%, en lugar de dedicalo a gasto corrente para garantir que se empece a sanear a situación económica do concello. No BNG non vemos oportuna esta proposta, mais para nos obstaculizar que o concello poida recibir estes fondos, ímonos abster”, concluíu o concelleiro do BNG. 

Abstención no contrato do comedor escolar

O BNG abstívose tamén no punto de aprobación dos pregos de contratación do comedor escolar. A concelleira Vanessa Rey explicou que se trata dunha competencia da Xunta que é quen se ten que facer cargo deste servizo. “Trátase dun servizo indispensábel para a conciliación familiar que como a Xunta non exerce obriga a asumir aos concellos”, indicou Rey, “desde o BNG sempre defendemos a xestión directa dos servizos pero e que ademais neste caso o contrato propón que o factor máis valorados sexa o prezo fronte á calidade do servizo e desde o BNG pensamos que isto vai contribuír en rebaixar a calidade”, concluíu. 

O BNG abstense cun discurso moi crítico no pleno para aprobación do POS