O BNG demanda ao goberno local que faga público o gasto en FITUR

“No BNG consideramos que a actual situación económica do Concello de Betanzos debe levar a unha redución dos gastos protocolarios e superfluos, polo que se deberían reducir ao mínimo este tipo de actividades, nun exercicio de responsabilidade e exemplaridade”

“O pasado 2023- último ano con conta xeral aprobada- o goberno local do PSOE dilapidou máis de 104 000 euros en gastos protocolarios, e máis de 60 000 en propaganda, que dubidamos aporten algo á veciñanza”

O BNG demanda ao goberno local que faga público o gasto en FITUR

Betanzos, 1 de febreiro de 2025. O BNG exixiu no Pleno que o goberno do PSOE faga público o gasto na feira FITUR, onde acudiron varios integrantes do equipo de goberno durante varios días. A concelleira nacionalista Vanessa Rey recordou que, entre as actividades, “os representantes do goberno local organizaron unha recepción aos betanceiros e betanceiras que viven en Madrid nunha taberna”.

“No BNG consideramos que a actual situación económica do Concello de Betanzos debe levar a unha redución dos gastos protocolarios e superfluos, polo que se deberían reducir ao mínimo este tipo de actividades, nun exercicio de responsabilidade e exemplaridade” advertiu.

Por este motivo, demandou que o goberno local faga públicos os gastos ocasionados pola expedición á feira madrileña e os criterios seguidos para realizar o convite ao ágape. “A canto ascendeu o gasto destas “atencións protocolarias” e que cometido concreto a xustifica” quixo saber a edila do BNG.

As nacionalistas, que demandaron copia de todas as facturas de gastos imputados á viaxe a FITUR neste e nos dous anos anteriores, solicitaron ao goberno local do PSOE que aclare “que custo tivo o desprazamento dos integrantes do equipo de goberno á feira”

“Resulta inadmisíbel que o Concello estea inmerso nun plan de saneamento con fondos retidos polo Ministerio de Facenda e que, cando aínda non explicou publicamente que supón isto nos servizos municipais, o goberno local volva marchar a Madrid a continuar estragando cartos” reprochan desde o BNG. As nacionalistas lembran que, neste tipo de gastos, o pasado 2023- último ano con conta xeral aprobada- o goberno local do PSOE dilapidou máis de 104 000 euros en gastos protocolarios, e máis de 60 000 en propaganda, “que dubidamos aporten algo á veciñanza” conclúe.

O BNG demanda ao goberno local que faga público o gasto en FITUR