O Tribunal de Cuentas apreza posibeis “responsabilidades contables” na xestión de María Faraldo
No pasado mandato o BNG denunciou reiteradamente as irregularidades cometidas polos sucesivos gobernos de María Faraldo (PP e PP-CxB) na xestión dos fondos públicos.Tras abrirse este procedemento, faltan aínda os do Xulgado e o Consello de Contas.
Betanzos, 30 de xuño de 2011. O BNG veu advertindo ao longo dos últimos catro anos de que os sucesivos gobernos que presidiu María Faraldo (PP, PP-CxB e PP) estaban cometendo numerosas irregularidades na xestión dos fondos públicos. O Tribunal de Cuentas, nun auto dictado o pasado 1 de xuño, agrupa en cinco grandes grupos estas irregularidades: "recoñecemento de obrigas referidas a gastos realizados sen seguirse os procedementos legalmente establecidos", “gastos efectuados sen a existencia de crédito presupostario e sen seguirse os procedementos legalmente establecidos", “aprobación de facturas por obras realizadas sen xustificación abondo”, “pagamento de gratificacións extraordinarias sen acomodarse ao disposto na Lei” e “pagamento de subvencións sen xustificación abondo”.
O auto do Tribunal de Cuentas ten a súa orixe no acordo adoptado o pasado 7 de marzo polo Pleno para remitir diversas contratacións feitas polo goberno de María Faraldo ao Tribunal de Cuentas, ao Consello de Contas e á Fiscalía atendendo ás irregularidades que varios funcionarios imputaban ao goberno local do PP nos seus informes. O Tribunal de Cuentas ven de comunicar ao Concello o nomeamento de instructor por parte do Ministerio Fiscal para levar adiante o procedemento.
No pasado mandato o BNG denunciou reiteradamente as irregularidades cometidas polo goberno de María Faraldo na xestión dos fondos públicos. No seu escrito do 1 de xuño o Tribunal de Cuentas dá a razón ao BNG ao indicar que “do exame dos feitos obxecto das presentes dilixencias, resulta que as irregularidades postas de manifesto no informe, poderían ser indiciarias da existencia de feitos susceptibles de xerar responsabilidades contables”.
Tal como advertira reiteradamente o BNG, o Tribunal de Cuentas entende que os feitos denunciados ante el “revestían indiciariamente carácter de alcance, ao ter sido sinalada pola intervención municipal en diferentes ocasións a existencia de actos que poderían ter xerado un prexuízo para os fondos públicos”.
Logo de que o Tribunal de Cuentas nomease instructor para o procedemento aínda falta por coñecer o acordo que tomarán o Consello de Contas e o Xulgado. O BNG entende que coa apertura do proceso veñen de avalarse todas as advertencias que os nacionalistas fixeron os últimos catro anos e recordan que no pleno de 26 de outubro de 2010- nun debate sobre as irregularidades cometidas polo goberno local- María Faraldo reducía todas estas irregularidades a unha “cuestión de metodoloxía”.