O BNG insiste na necesidade de reducir o calendario das festas patronais
Tirar da imaxinación tamén permite aforrar, porque nas festas estívose cubrindo a falta de ideas tirando do talonario.
Betanzos, 9 de abril de 2013. O BNG insistiu onte na comisión de festas na necesidade de abrir cauces verdadeiros de participación veciñal no deseño dos festexos, involucrando ao movemento asociativo. María Otero, voceira do BNG na comisión, insistiu en que o protagonismo ten que ser para a xente, non para o alcalde.
Os nacionalistas reiteraron na comisión a súa demanda de cumprir o Plan de Igualdade elaborado polo goberno do PSOE e poñer fin a un costume marcadamente sexista como é a coroación das raíñas das festas. Ademais, desde o BNG insisten na necesidade de dar maior protagonismo a eventos culturais que dean relevo tanto á cultura de base como á cultura galega na programación dos festexos. Para PSOE e PP a presenza da cultura galega nas festas redúcese ás gaitas, lamentan á vez que reclaman innovar na programación festiva.
A edila do BNG tamén insistiu en que as festas son de todo Betanzos e non só da praza do Campo, polo que propuxo organizar concertos polos barrios da cidade contando cos grupos noveis, aposta pola cultura de base en todos os barrios e levar eventos a todo o Concello. Nesta liña, insisten os nacionalistas, a verbena popular os días dos Caneiros debería estar na Eira Vella, porque ese día o Mandeo é o protagonista das festas.
Reducir os gastos en festas
O BNG insistiu na necesidade de reducir os gastos do Concello nas festas. Coa grave crise que padecemos a xente non entende que se gaste máis en festas que en crear emprego, indicaba o voceiro do BNG, Henrique del Río, que recorda que un dos motivos que levou ao BNG a rexeitar os orzamentos do PSOE foi o dispendio de 238 000 en festas.
Como propostas concretas de aforro o BNG propuxo reducir o calendario das festas patronais ou sacar a poxa os dous días dos Caneiros a embarcación municipal. Tirar da imaxinación tamén permite aforrar, porque nas festas estívose cubrindo a falta de ideas tirando do talonario, lamentan os nacionalistas.
Garantir o respecto ao medio nos Caneiros
Os nacionalistas tamén reclamaron ao goberno local un esforzo adicional para evitar que os carros dos supermercados cheguen ao campo dos Caneiros ou acaben no río e a instalar máis colectores de lixo no camiño da romaxe. Aínda está por facer a campaña de concienciación sobre o río que o Pleno aprobou en 2010 a proposta nosa, indican os nacionalistas, o PSOE apoia acordos que non pensa cumprir para quedar ben de cara á galería.