A seguridade viaria na Angustia
" PSOE e PP adoitan dicir unha cousa en Betanzos, outra diferente no Parlamento Galego e outra totalmente distinta no Congreso dos Deputados, como este asunto tamén evidencia"
" PSOE e PP adoitan dicir unha cousa en Betanzos, outra diferente no Parlamento Galego e outra totalmente distinta no Congreso dos Deputados, como este asunto tamén evidencia"
Betanzos, 5 de outubro de 2011. O xornal 'Betanzos e a súa comarca', editado por ACEBE-CCA, recolle no seu número deste mes un artigo do Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río, no que repasa as iniciativas do BNG para mellorar a seguriade viaria na N-VI ao seu paso pola Angustia e analiza a actitude que PSOE e PP manteñen diante deste problema. Polo seu interese a seguir reproducímolo de xeito íntegro.
A seguridade viaria na Angustia
En xuño do ano pasado levamos ao Congreso unha iniciativa demandando unha mellora real da seguridade viaria na N-VI ao seu paso pola Angustia, unha demanda da gran maioría dos veciños e veciñas. Máis dun ano despois, en xullo de 2011 o Ministerio de Fomento que dirixe o vicesecretario xeral do PSOE contesta que non son necesarias medidas de seguridade adicionais ás xa existentes; ignorando as reivindicacións veciñais de sinalar, cando menos, un simple paso de cebra.
Quixo a mala sorte que apenas un mes despois da resposta, en agosto deste ano producirse un aparatoso accidente na Angustia que obrigou a cortar o tránsito parcialmente e puxo de relevo as carencias en seguridade viaria. E nese punto saltou áxil o PSOE local, co alcalde á cabeza, reclamando unha mellora da seguridade viaria que o goberno central do PSOE lles nega a veciñanza e usuarios da N-VI na Angustia.
A desculpa cando levamos este mesmo asunto ao Pleno en agosto, compartida por PSOE e PP, era a esixente normativa que regula a sinalización dos pasos de cebra e que, segundo dixeron, impide pintar un para conectar as dúas beiras do núcleo. Sorprende tan pobre escusa cando no tempo coincide cunha reforma express da Constitución en pouco máis dunha semana, sendo, aparentemente, unha norma moito máis complexa que a que regula os pasos de cebra.
Por outra banda, o BNG presentou unha alegación aos orzamentos do Estado para este ano reclamando unha partida dun millón de euros para mellora da seguridade viaria na N-VI. Nin PSOE nin PP apoiaron esta enmenda.
PSOE e PP adoitan dicir unha cousa en Betanzos, outra diferente no Parlamento Galego e outra totalmente distinta no Congreso dos Deputados, como este asunto tamén evidencia. Por iso é necesario garantir a presenza do BNG no Congreso e no Senado, para que en Madrid se escoite falar dos problemas reais dos veciños e veciñas de Betanzos, dos problemas reais dos galegos e galegas.