Del Río: quen votou BNG votou contra privatizar servizos públicos e non os imos defraudar
O goberno do PSOE ten as nosas propostas e se quere o apoio do BNG terá que introducir estes cambios no orzamento e remitirnos unha nova proposta.O BNG está a manter reunións coas asociacións e representantes dos traballadores municipais para recoller as súas achegas de cara a negociar os orzamentos.
Betanzos, 13 de xuño de 2012. O BNG ofreceu hoxe unha valoración da proposta de orzamento do goberno local do PSOE. A pesar de que non cumpre con condicións que puxemos de antemán, como elaborar o orzamento de xeito participativo, por responsabilidade, aceptamos tentar chegar a un acordo polo ben dos veciños de Betanzos, indicou Henrique del Río.
"Se quere o apoio do BNG, o PSOE terá que corrixir a súa proposta de orzamento"
O voceiro nacionalista insistiu na necesidade de substituír as subvencións a dedo que prevé o documento do PSOE por importe de 94 600 por unha convocatoria de axudas pública e con criterios coñecidos pola cidadanía á que calquera entidade poida concorrer. Dar axudas a dedo é unha maneira de comprar votos e impide que aparezan novas asociacións no Concello porque non todas teñen as mesmas oportunidades para acceder a subvencións municipais, explicou.
O BNG discrepa co plan de emprego deseñado polo executivo do PSOE, que pretende eliminar postos e crear outros para cubrilos co mesmo persoal. Os postos cúbrense con persoal que non acreditou coñecementos para estas prazas, manifestou Del Río, quen engadiu que isto colisionaría cos principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público e ademais sería un agravio para outros traballadores municipais que poderían optar á praza se o goberno do PSOE quixera convocar un concurso.
O BNG está a manter reunións coas asociacións e representantes dos traballadores municipais para recoller as súas achegas de cara a negociar os orzamentos, aseguraron os edís nacionalistas Henrique del Río e María Otero. Polo que nos indicou o goberno local do PSOE, CxB xa lle deu o visto bo á súa proposta de orzamentos, avanzaron, pero por coherencia coa nosa defensa dos servizos públicos o BNG non pode apoiar esta proposta, que ademais inclúe unha privatización de servizos.
O goberno do PSOE ten as nosas propostas e se quere o apoio do BNG terá que introducir estes cambios no orzamento e remitirnos unha nova proposta, concluíu Del Río, que engadiu quen votou BNG votou contra privatizar servizos públicos e non os imos defraudar.