Feijóo incumpriu os seus compromisos con Betanzos

Feijóo incumpriu os seus compromisos con Betanzos

"Que credibilidade pode ter un partido que prometía a rematar co paro en 45 días e 3 anos despois Galiza encabeza a listaxe de autonomías con maior destrución de postos de traballo e conta cunha das taxas máis altas de paro?"

Betanzos, 7 de setembro de 2012. Xa está a chegar a todas as casas un novo número do xornal "Betanzos e a súa comarca", que edita ACEBE-CCA. Entre as súas páxinas poderás atopar un artigo no que o Consello Local do BNG analiza as promesas incumpridas de Feijóo e o PP con Betanzos. Polo seu interese reproducímolo a continuación de xeito íntegro.

Ninguén ofrece tanto coma o que non vai cumprir

O PP volvía hai tres anos e medio á Xunta con promesas como a de recuperar o Casco Histórico de Betanzos. Promesa que repetiu de novo o PP na campaña das eleccións municipais, hai un ano. Para simular que facían algo, compraron once casas no Casco Histórico. Como o PP non goberna Betanzos, o PP desde a Xunta deixou que continuasen degradándose. Contou coa complicidade do goberno do PSOE, que sen ningún documento que obrigase ao Concello segundo eles mesmos recoñecen, pagaron os proxectos de recuperación de tres destas casas, que dormen nalgún caixón da Xunta polo sectarismo do PP.

Feijóo prometeu que antes de acabar o mandato abriría un centro de día público en cada concello con máis de 5000 habitantes. Betanzos, que ter arredor dos 14000, segue agardando polo seu

Tamén prometían rematar coas enchentes da Ribeira, e outra volta na campaña das municipais subiron a poxa a un investimento de máis de 3 millóns de euros. Novamente, a Xunta do PP desdícese das súas promesas. Nin un só euro se consigna no orzamento da Xunta para este fin.

Para chegar a presidente, Feijóo prometeu que antes de acabar o mandato abriría un centro de día público en cada concello con máis de 5000 habitantes. Betanzos, que ter arredor dos 14000, segue agardando polo seu, a pesar, de que o Pleno, a instancias do BNG, propuxo varias veces abrir un centro de día no antigo ambulatorio- o que supón aproveitar un edificio baleiro, un investimento máis modesto e uns prazos máis curtos para telo operativo. Un novo engano de Feijoo para conseguir apoios electorais.

O novo colexio do Carregal dista moito aínda de ser realidade

O novo colexio do Carregal dista moito aínda de ser realidade. Ao retraso de 4 anos na cesión dos terreos, causado polo goberno do PP en Betanzos, hai que sumarlle un novo retraso motivado pola falta de interese do goberno de Feijóo. A alternativa do PP foi colapsar aínda máis o CEIP Vales Villamarín.

Tampouco houbo melloras para os veciños e veciñas no centro de saúde, empeorou o servizo de prevención de incendios e a Xunta do PP negouse a ampliar e dotar de beirarrúas a ponte sobre a vía do tren en Infesta ou mellorar a seguridade viaria na estrada que vai para Oza. Do investimento anunciado polo PP para rehabilitar o lavadoiro das Cascas cunha escola-obradoiro tampouco se volveu saber. De todos os compromisos do goberno do PP con Betanzos, tan só cumpriron o de abrir a nova escola infantil- que realmente xa viña do goberno anterior-, e para iso recortando as prazas inicialmente previstas nun 26% e privatizándoa.

Se cadra agora todos estes proxectos son recuperados interesadamente polo goberno do PP para prometelos novamente. Tal vez anuncien que prevén investimentos, cando o certo é que un goberno en funcións non pode comprometer este tipo de gastos. Se ademais de todo isto pensamos nas sentenzas contra a anulación do concurso eólico ou na destrución das caixas de aforro podemos asegurar, sen lugar a dúbidas, que estamos ante o peor presidente da historia. Que credibilidade pode ter un partido que prometía a rematar co paro en 45 días e 3 anos despois Galiza encabeza a listaxe de autonomías con maior destrución de postos de traballo e conta cunha das taxas máis altas de paro? Por non falar das promesas electorais de Rajoy de non subir o IVE, cando todos vemos en que quedaron. Dicía Quevedo que “ninguén ofrece tanto coma o que non vai cumprir”.

Feijóo incumpriu os seus compromisos con Betanzos