Del Río:é mentira que non haxa locais baleiros, si que os hai, é unha cuestión de vontade política"
O BNG exixiu ao goberno local do PSOE que ceda un local á asociación Mirabal de vítimas da violencia machista.
Betanzos, 4 de outubro de 2012. O BNG exixiu hoxe ao goberno local do PSOE que execute o acordo que se adoptou no último Pleno e ceda un local á asociación Mirabal de vítimas da violencia machista. Nunha intervención conxunta do BNG coa presidenta da asociación, Ana Saavedra, Victoria Louro, candidata do BNG ao Parlamento de Galiza, explicou: O BNG e a asociación Mirabal concordamos no dereito de todas as mulleres a vivir nun mundo sen violencia, e incidiu na denuncia da indefensión á que están sometidas as mulleres en xeral, e as vítimas de violencia machista en particular.
De nada vale, que agora que estamos nunha campaña electoral, todas as persoas que participen como candidatos fagan declaracións grandilocuentes e se posicionen de cara á galeria en contra da violencia se despois non se toma ningunha medida concreta para visibilizar esta lacra social, engadiu a candidata do BNG.
Henrique del Río, portavoz do BNG en Betanzos e candidato do BNG ao Parlamento de Galiza, explicou que o PSOE ten unha actitude completamente hipócrita neste tema. Escúdase en que non hai ningún local social libre, cando realmente o problema é que non hai vontade política de tomar medidas contra a violencia machista nin en materia de igualdade, indicou Del Río, é mentira que non haxa locais baleiros, si que os hai e a maioría dos que están ocupados están infrautilizados, xa que só se utilizan unhas horas algúns días.
O candidato nacionalista acusou ao PSOE preocuparse dos temas de igualdade só de cara á galeria. "Aprobaron un plan de igualdade, sen consignar un só peso no orzamento, como pon de manifesto o BNG nas súas alegacións, e abriron un buzón de igualdade para recoñecer que non iban a aceptar ningunha das suxerencias que nel se fagan, engadiu Del Río. A realidade é que en Betanzos non hai ningún interese por poñer en marcha verdadeiras políticas en temas de igualdade, asegurou. O BNG presentou unha alegación aos orzamentos municipais para que os 20 000 euros que se gastan en manter unha figura coma a raíña das festas se invistan en políticas de igualdade.
Ana Saavedra, presidenta da asociación Mirabal, indicou que a súa asociación fai un traballo complementario aos servizos sociais, como acompañamento e asesoramento das vitimas e necesita un local para atender debidamente esta función. Asegurou sentirse completamente abandonada polas institucións, nomeadamente polo goberno local do PSOE só pedimos o uso dun local para poder atender ás mulleres que precisen o noso apoio, non é un problema de cartos senón de interese. Non é o goberno local quen para decidir que tipo de local precisamos, se nos decimos que mellor que nada nos conformamos cun local compartido, non entendemos porque o goberno local ten que decidir por nós, concluiu.