O BNG presenta as súas alegacións ao orzamento antisocial do PSOE
Os nacionalistas propoñen suprimir as partidas destinadas a publicidade e propaganda- que suman 27 900 euros- para dotar suficientemente as bolsas e dar financiamento ao Plan de Igualdade.
Betanzos, 1 de outubro de 2012. O BNG presentou esta mañá as súas alegacións ao orzamento municipal. No escrito presentado esta mañá no rexistro municipal polo portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, os nacionalistas propoñen suprimir as partidas destinadas a publicidade e propaganda- que suman 27 900 euros- para incrementar as bolsas de material escolar e comedor, crear unha partida de 10 000 euros para bolsas de actividades extraescolares e crear outra partida para o plan de igualdade.
Propoñemos crear unha partida para iniciar os traballos de redacción dun novo Plan de Proteción do Casco Histórico suprimindo varias partidas xenéricas, explicou o voceiro do BNG. Suprimindo outras partidas xenéricas apostamos por crear un Plan de Dinamización do Centro Comercial Aberto e un novo plan de formación e emprego para que o Concello se implique en reducir os 1200 desempregados que ten xa Betanzos, indicou.
As alegacións do BNG tamén cuestionan o carácter impreciso e pouco concreto das contas do PSOE. Con partidas chamadas outros gastos e similares e a vinculación que propoñen todo o gasto corrente podería gastarse en calquera cousa, indica o voceiro nacionalista, que reprocha que este orzamento é un cheque en branco para o goberno do PSOE e imposibilita que a oposición controle como gastan.
Sen fondos para a readmisión do GRUMIR
Varias alegacións refírense ao tema do persoal municipal. Contra as mentiras do goberno local no último Pleno, con este orzamento na man non hai un peso para a readmisión do GRUMIR, indica Del Río. Non nos parece de recibo que aproben un documento sabendo que van ter que modificalo en canto entre en vigor, reprocha á vez que asegura que todo isto é unha manobra política do PSOE para conseguir o apoio da dereita.
O BNG tamén presentou alegacións ao Plan de Emprego e a modificación de postos de traballo asociados ao orzamento xa que o goberno do PSOE incumpriu a súa obriga legal de negociar estes cambios cos representantes dos traballadores. Nos próximos días o BNG trasladará as súas alegacións aos representantes dos traballadores.