Del Río: “Lamentamos que o goberno local minta sobre o tráfico no Casco Histórico”
“As rúas do Casco Histórico amañáronse para ser peonís, non para soportar este tránsito e estacionamento abusivos”. O BNG esixe ao PSOE que evite “o estrago de cartos municipais en reparacións que non habería que facer se as rúas do Casco se utilizaran para o que se prepararon”.
“As rúas do Casco Histórico amañáronse para ser peonís, non para soportar este tránsito e estacionamento abusivos”. O BNG esixe ao PSOE que evite “o estrago de cartos municipais en reparacións que non habería que facer se as rúas do Casco se utilizaran para o que se prepararon”.
Betanzos, 7 de setembro de 2011. No pleno celebrado o pasado mes de xullo o Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río, reclamou ao goberno local a adopción de medidas concretas para rematar coa “permisividade” co tránsito e estacionamento nas rúas peonís do Casco Histórico fóra do horario de paso habilitado. O BNG recordoulle ao PSOE que “no pasado mandato fomos moi críticos coa permisividade que observabamos por parte do PP co tránsito por rúas peonís fóra dos horarios habilitados para residentes e carga e descarga para os negocios e co estacionamento” e advertía que o tempo de mandato do PSOE non se traducira nun cambio neste asunto e a tolerancia do goberno municipal co estacionamento en rúas e prazas peonís segue a ser unha constante.
No pleno do pasado mes de agosto o goberno do PSOE respondeu ao BNG que estaban tomando “medidas” para corrixir a situación, sen concretar cales. Un mes despois da iniciativa plenaria, o BNG constatou que non hai ningún tipo de mellora no tocante ao tránsito e estacionamento nas rúas peonís do Casco Histórico. “Lamentamos que o goberno local do PSOE minta dunha forma tan descarada” indican os nacionalistas.
“As rúas da Porta da Vila, do Castro, Prateiros e Travesa e mais a Praza da Constitución amañáronse para ser peonís, non para soportar este tránsito e estacionamento abusivos” explica o Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río. O edil nacionalista advirte que as sucesivas reparacións destas rúas polo seu mal uso implican un desembolso adicional para as arcas municipais. Por este motivo, desde o BNG esixen ao goberno local que actúe sobre o tráfico e estacionamento abusivos para evitar “o estrago de cartos municipais en reparacións que non habería que facer se as rúas do Casco se utilizaran para o que se prepararon”.