Resumo do pleno de 18 de decembro de 2017
Ofrecémosche os nosos posicionamentos e sentido de voto no Pleno, con enlace ao audio dos debates cando houbo debate de fondo das propostas.
Ofrecémosche os nosos posicionamentos e sentido de voto no Pleno, con enlace ao audio dos debates cando houbo debate de fondo das propostas.
1. Actas de agosto e setembro, dar conta de decretos e documentación diversa.
Nada que manifestar en ningún dos puntos, que son simplemente dar conta.
2. Aprobación do plan normativo anual.
Manifestamos a nosa abstención porque contén practicamente todas as ordenanzas e regulamentos e o pasado ano, no plan anterior, deixouse en torno ao 75% das ordenanzas que se ían revisar sen tocar. Escoita.
3. Aprobación das propostas para o Plan de Obras e Servizos (POS+) da Deputación
Lamentamos que o goberno local destine esta achega, de 750 000 euros en total, a obras de reparación e repintado de edificios municipais e rúas que se pode facer con fondos municipais se se abandonan gastos improductivos. A título de exemplo indicamos que co que se gasta en protocolo e publicidade e propaganda do orzamento municipal dá para as reparacións en edificios municipais propostas. Botamos en falta investimentos estratéxicos, sexa no Casco Histórico, no Pasatempo ou en saneamento para rexeneración da ría, propostas que fixemos nos últimos anos para este plan. Cuestionamos que se pedisen propostas para non recoller ningunha e meter as obras que o PSOE decidira xa de antemán e cuestionamos que 230 000 euros deste plan sexan para unha primeira fase de amaño da pasarela do Pasatempo, cando son moitos os técnicos que aconsellan retirala para garantir a conservación do Estanque da Gruta e a Gruta da Recoleta. En consecuencia, votamos en contra.
Ademais do debate, podes ver a proposta do goberno e as nosas achegas nos documentos á marxe.
4. Moción conxunta e moción do BNG sobre as emisións contaminantes de Betanzos HB
Explicamos que malia propormos hai un mes unha moción conxunta da Corporación sobre este tema, o alcalde e o PSOE impuxeron unha diferente á proposta que achegaramos para consensuar, e que nos acordos non contempla que o Concello faga nada. Denunciando que o goberno local ten marxe para actuar, presentamos a moción que achegaramos aos restantes grupos hai un mes, que ademais de pedir á Xunta que actúe neste tema pide que o Concello actúe e se persoe nas causas abertas por presuntos delictos ambientais contra a fábrica para poder coñecer o contido de todos os informes periciais e saber que bota a planta. Votamos a favor tanto da que impuxo o PSOE como da nosa. Este é o debate.
5. Moción do BNG contra a suba das peaxes da AP9
Tes máis información aquí. Aquí tes o debate.
6. Moción de BN para pedir explicacións pola demora en varias obras en execución
Recordamos que xa levamos varias veces a pleno a demora na obra na Cruz Verde- actualmente paralizada na construcción dunha pérgola de 9000 euros que sempre vimos innecesaria- e aínda no anterior pleno preguntamos polos traballos no parque infantil do Pasatempo ou a Eira Vella. Insistimos en que parte do problema é a falta de control do goberno local sobre o que fai e outra parte débese a que contrata as obras atendendo só á oferta máis barata. Votamos a favor.
7. Moción de BN sobre rexeneración no Mendo e o Mandeo
Advertimos que a moción ten dúas partes e que mestura coa rexeneración dos ríos e obras de saneamento o aumento e mantemento de infraestruturas de lecer náutico. Cremos que de nada vale ter un porto deportivo equipado e perfectamente conservado se a ría segue a ser un sumidoiro, e entendemos que isto será secundario diante do saneamento integral da ría e os ríos e nese sentido votamos a favor. Escoita.
8. Moción do PP sobre facer censo de persoas maiores que poidan vivir soas
Cuestionamos a pertinencia de facer un censo de potenciais persoas usuarias de servizos de dependencia e benestar que a Xunta se nega a prestar en Betanzos e na comarca. Aseguramos que mellor que o listado era que a Xunta abrise o centro de día no antigo ambulatorio e un xeriátrico público, que non hai en toda a comarca. Entendemos que é crear a expectativa de estar en lista de agarda para uns servizos que non hai e votamos en contra. Escoita.
9. Moción do PP sobre facer unha comisión e informe no web acerca do cumprimento dos acordos plenarios
Entendemos que é irresponsábel que o goberno local vote a favor de acordos que non ten pensado cumprir e nese sentido cremos que a veciñanza terá que exixir responsabilidades políticas a quen así actúa. Dubidamos que unha comisión e un informe no web sirvan para que o goberno execute o que non contempla asumir, mais abstémonos para non obstaculizar que saia o acordo porque ter máis información a veciñanza é algo que sempre cremos positivo. Escoita.
10. Rogos e preguntas
Formulamos as seguintes preguntas:
- O ano pasado o Concello convocou por primeira vez as axudas sociais do ano 2016 no ano 2017 e demorou até este verán o seu pagamento baixo a promesa da negociación dunhas novas de axudas sociais máis xustas que aínda non cumpriu. A día de hoxe o goberno local aínda non convocou as axudas sociais para o seu persoal laboral como recolle o convenio colectivo en vigor. Temos constancia de que a CIG solicitou en diversas ocasións a convocatoria destas axudas e o respecto aos prazos para a súa resolución. A que se debe este retraso? Porque o goberno local está a incumprir os acordos co persoal recollidos no convenio? Cando pensa convocar estas axudas?
- Segundo un informe que nos achegou o goberno local os técnicos municipais non consideran que o Liceo sexa o local adecuado para un local para os taxistas xa que é un edificio administrativo no que se custodia todo tipo de información e datos persoais. Sen embargo, o andar de arriba do Liceo hai anos que está ocupada cun Belén e o cura ten chave do edificio para mostralo. Non pensan que é exactamente o mesmo caso e, polo tanto, deberían pedir informe aos técnicos sobre esta situación? Calquera persoa que queira utilizar o Liceo pode ter unha chave para entrar e saír do edificio? Non pensan que esta situación non é moi sensata e pode provocar problemas ao concelo?
- Despois de múltiples iniciativas plenarias, tanto do BNG coma doutros grupos, dunha comisión de investigación que forzamos da que nunca máis se soubo, temos constancia de que aparcamento soterrado da rúa Rosalía de Castro, concedido a Complejo San Roque SL está aberto, se ben nun cartel pon “solo clientes hotel”. Non sabemos en que situación está actualmente este negocio de propiedade municipal fóra de que non aparecen ingresos un ano máis na conta xeral relacionados con el. A maiores, segundo o web do hotel, rebautizado como “Villa de Betanzos”, é outra a empresa privada que o explota. E van tres que teñamos documentado no BNG, sen que o goberno local, por certo, dese conta a Pleno ou este autorizase a cesión do contrato como establece o mesmo. De que novidades ten constancia o goberno local con respecto a este inmoble? Por que non as trasladaron á Corporación? Que teñen pensado facer ao respecto e en que prazos? Pensan seguir consentindo todas estas irregularidades? Cando pensan ter as conclusións da comisión de investigación, reunida hai un ano por última vez e sen poder investigar realmente o sucedido? Cando as pensan trasladar á Corporación e facelas públicas?
- No cruce entre o Camiño da Estación e a Avenida das Mariñas hai unha sucesión de obstáculos que limitan perigosamente a visibilidade nas incorporacións e que obrigan, ademais, aos peóns a invadir a calzada. É unha sucesión de postes, farolas, colectores de lixo, sinais, etc. A situación agrávase debido a que é parte do percorrido cotián das persoas usuarias do centro Pai Menni, moitas delas con diversas discapacidades. Ten pensado o goberno local poñer solución a esta situación? En que prazos e de que xeito? Téñense dirixido a Fomento para que sinalice un paso de peóns no perigoso cruce baixo o desvío da N-VI?
- En numerosas ocasións e practicamente en todos os programas electorais o actual goberno anunciou un plan para retirar os cableados das portas da muralla e outros edificios históricos. Será 2018 o ano? Cando teñen pensado cumprir esta vella promesa? Teñen dado algún paso neste sentido?
Nota: segundo o regulamento orgánico, temos limitado as iniciativas a dúas mocións e cinco preguntas como máximo por Pleno e grupo político.