En resposta ao BNG, Fomento afirma que non hai un problema de seguridade viaria na Angustia
Un ano despois de que Francisco Jorquera formulase a iniciativa, Fomento responde que non ve un problema de seguridade viaria nin a necesidade de sinalizar pasos de peóns no entorno da N-VI que divide o núcleo da Angustia.
Un ano despois de que Francisco Jorquera formulase a iniciativa, Fomento responde que non ve un problema de seguridade viaria nin a necesidade de sinalizar pasos de peóns no entorno da N-VI que divide o núcleo da Angustia.
Betanzos, 2 de agosto de 2011. Máis dun ano despois de que o BNG trasladase ao Congreso dos Deputados os problemas de seguridade viaria no núcleo betanceiro da Angustia, o Ministerio de Fomento asegurou que non contempla efectuar melloras na zona. Para o goberno central do PSOE a limitación da velocidade a 50 km/h é unha medida máis que suficiente para garantir a seguridade viaria dos veciños e veciñas da Angustia, segundo se desprende da súa resposta ao voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera.
O departamento estatal afirma que o tramo da N-VI que pasa pola Angustia non está calificado coma “tramo de concentración de accidentes”- malia producirse graves sinistros coma o do día de onte- e que por iso non esixe medidas de seguridade adicionais. En canto á sinalización de pasos de peóns, unha carencia denunciada polas veciñas e veciños da zona que o BNG trasladou ao Congreso, o Ministerio de Fomento afirma precisar un estudo para determinar se é posíbel sinalizalos; pero tampouco confirma que se vaia a levar a cabo o citado estudo.
O Portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, comprometérase a trasladar estas cuestións ao Congreso logo de manter un encontro coa veciñanza da Angustia, en xuño do pasado ano. Desa data é a iniciativa parlamentar á que agora, un ano despois, responde Fomento. Con posterioridade o BNG presentou unha enmenda aos Orzamentos Xerais do Estado reclamando partidas para seguridade viaria na N-VI ao seu paso por Betanzos, que foi rexeitada polo PSOE.
Para o Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río, “o goberno central non ve cales son os problemas de seguridade viaria porque non convive con eles diariamente” . Del Río chama a atención sobre o feito de que a N-VI divide en dous o núcleo de poboación e o ministerio que dirixe o vicesecretario xeral do PSOE- que é o titular da vía- “non ve os graves prexuízos que sofren os veciños”.
Por este motivo indica que “non é útil para a xente” que a capacidade de decisión sobre esta estrada estea en Madrid. “Polo que se ve, para o goberno do PSOE os problemas cotiás dos veciños e veciñas da Angustia non son problemas de primeira orde, como se deduce do feito de que tardaran un ano en dar unha resposta que non soluciona nada”.