PSOE e PP recoñecen que o único proxecto de cidade é o do BNG
Uns desenvolven os proxectos que o BNG redactou na súa etapa de goberno e outros propoñen cousas que o BNG incluíu na axenda política da cidade. E xa que falamos de proxectos que deixou en marcha o BNG, estaría ben que o goberno local explicase por que non hai avances no centro de día que está proxectado para o antigo ambulatorio.
Betanzos, 24 de setembro de 2009. O BNG saíu ao paso de senllos anuncios de PP e PSOE sobre diversas iniciativas que foran achegadas e proxectadas no seu día polo Bloque Nacionalista Galego. Os nacionalistas cuestionan que o PP anunciase recentemente coma propio o proxecto dun obradoiro de emprego que servise para recuperar as beiras e o entorno do río dos Pelamios ao seu paso por Caraña, incluíndo a recuperación dos muíños.
Esta actuación fora incluída nun proxecto máis ambicioso de recuperación patrimonial que incluía o amaño de seis rúas do Casco Histórico (que o goberno do PP está a facer seguindo o proxecto do BNG con cargo ao fondo estatal anticrise) deseñado polo anterior Tenente-Alcalde, o nacionalista Andrés Otero Botana. Desde o BNG tamén critican que o PSOE anunciara estes días a proposta dun museo de arte sacro e outro do viño de Betanzos ubicados no Casco Histórico, dous proxectos que non figuraban no programa electoral do PSOE e que o BNG incluíu na súa proposta de goberno.
O PP leva adiante o obradoiro do río de Caraña deseñado polo BNG, o PSOE calca as propostas nacionalistas para o Casco Histórico
Alégranos que PP e PSOE recoñezan pola vía dos feitos que o único proxecto de cidade para Betanzos presentado ás municipais de 2007 é o do BNG ironizou o concelleiro nacionalista Henrique del Río, quen cre que uns desenvolven os proxectos que o BNG redactou na súa etapa de goberno e outros propoñen cousas que o BNG incluíu na axenda política da cidade. Para os nacionalistas, que PSOE e PP asuman e publiciten como propios os proxectos do BNG débese á seca de ideas que padecen ambas formacións, o que as leva a vampirizar iniciativas dos demais para poder seguir vivos politicamente.
E xa que falamos de proxectos que deixou en marcha o BNG, estaría ben que o goberno local explicase por que non hai avances no centro de día que está proxectado para o antigo ambulatorio, convidan desde o BNG. O antigo ambulatorio fora cedido pola Seguridad Social á Xunta para facer un centro de día con prazas de residencia. O PP teimara con levalo para o Carregal até que unha moción do BNG, respaldada por todos os grupos da Corporación agás o PP, sentou o parecer municipal de que o centro de día se construíse no antigo ambulatorio. Os nacionalistas temen que o PP inclúa o centro de día de Betanzos nos recortes asistenciais que están a facer desde a Xunta de Galiza.