O BNG denuncia o deplorable estado do Vales Villamarín neste inicio de curso
Nas instalacións do centro educativo poden atoparse desde restos de obra ciscados polo chan ata papeleiras deterioradas e desbordadas de lixo. "Non se recorda un inicio de curso coma este".
Betanzos, 16 de setembro de 2009. O BNG vén de denunciar o deplorable estado de limpeza no que se atopan as instalacións do CEIP Vales Villamarín neste inicio de curso, recollendo as queixas de múltiples membros da comunidade escolar e educativa. A organización nacionalista denuncia que nas instalacións do centro educativo poden atoparse desde restos de obra ciscados polo chan ata papeleiras deterioradas e desbordadas de lixo.
A situación é de tal calibre que moitos dos usuarios do centro educativo non recordan, en palabras dos concelleiros nacionalistas, un comezo de curso caracterizado por unha falta tan notoria de limpeza e mantemento.
O goberno local ten a obriga de limpar e manter as instalacións do colexio
Os nacionalistas recordan ao goberno municipal as súas obrigas na limpeza e mantemento do CEIP Vales Villamarín e exixen unha pronta solución a uns problemas que, coma os relacionados coa gardería, poderían terse evitado cun mínimo de previsión por parte da Alcaldía e as concellerías competentes de PP e CxB.
Os representantes frontistas cuestiónanse que se cadra os concelleiros de PP e CxB estiveron demasiado ocupados en festas e romarías durante este último verán.
Desde o BNG inscriben esta situación dentro do alarmante descenso da calidade dos servizos públicos emprestados pola entidade local, á par que relacionan isto co caótico inicio do curso escolar que se está dando en toda Galiza pola desatención do ensino público desde o PP.