Del Río: Outro mes máis Betanzos destrúe emprego mentres o PSOE turra coa semana do cocido
Os datos demostran que a ría, pechada case na totalidade ao marisqueo por contaminación, debería ser alternativa de emprego na comarca.
Betanzos, 6 de marzo de 2014. O BNG reclamou ao goberno local medidas urxentes para atallar a destrucción de emprego en Betanzos. Desde que comezou o ano, 28 persoas perderon o seu posto de traballo na nosa cidade explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que lamenta a indolencia do goberno do PSOE diante dos 1213 veciños e veciñas sen emprego. Isto sen contar as que xa nin sequera se anotan no paro e as que marcharon a buscarse a vida na emigración, engade.
Pechan negocios, queda máis xente no desemprego e o PP insístenos en que a crise acabou e que está todo inzado duns brotes verdes que non se ven por ningures, indican os nacionalistas. Por este motivo, desde o BNG reclaman ao goberno local un esforzo en políticas que creen alternativas para a nosa veciñanza.
Outro mes máis Betanzos destrúe emprego mentres o PSOE turra coa semana do cocido indica o concelleiro do BNG. Que o goberno local se limite a organizar todo tipo de festas e eventos gastronómicos con estas cifras de desemprego en Betanzos é desolador, indica o voceiro nacionalista. O PSOE calca o argumento do PP de que festas e bolos crean riqueza na localidade a pesar de que os datos do desemprego mes tras mes demostran precisamente o contrario, asegura.
Os gobernos teñen formas de cambiar esta situación e de crear oportunidades para ter emprego no noso concello, outra cousa é que queiran, explica Del Río. E está visto que o PSOE non quere, porque prefire estragar 40 000 euros nas festas do Nadal en lugar de amoblar e dinamizar as rúas do centro comercial aberto que Betanzos ten sobre o papel, engade.
O PSOE calca o argumento do PP de que festas e bolos crean riqueza na localidade a pesar de que os datos do desemprego mes tras mes demostran precisamente o contrario
Desde o BNG insisten en que medidas como o viveiro de empresas que propuxeron construír co plan de obras da Deputación nas parcelas municipais do polígono de Piadela ou o banco de locais comerciais ofrecerían alternativas para que a veciñanza atope oportunidades de emprego. Rehabilitar o Casco Histórico, rehabitalo e poñelo en valor, é o maior investimento que Betanzos pode facer para xenerar emprego e riqueza, pero o goberno do PSOE prefire festas e paparotas, lamentan desde o BNG
Os datos evidencian que unha ría saneada podería revertir o desemprego na comarca
Os datos do desemprego deixan ver que os municipios que lindan coa ría de Betanzos son os que destrúen emprego na comarca. Así Betanzos (0.58% máis de desemprego que o mes pasado), Bergondo (0,33) ou Paderne (2,94) deberían, a dicir dos nacionalistas, mirar para a ría como fonte de emprego.
Miño, Coirós e Paderne teñen maior taxa de desemprego que hai un ano, explican desde o BNG. O PP volveu a impedir que se destinen fondos este ano para rexenerar a ría para desenvolver actividades pesqueiras e recreativas, recorda Del Río. Case toda a ría está pechada ao marisqueo por contaminación cando debería ser alternativa de emprego na comarca, advirte.
A ría é a gran oportunidade para crear emprego na comarca
O que non nos parece de recibo é que nos intenten vender a ficción de que estamos mellorando mentres na nosa comarca seguimos vendo como se destrúe emprego, e estes resultados son baseados nas persoas inscritas no paro, se miramos os datos de afiliación á seguridade social son terroríficos, explicou Del Río. Votaron en contra de todas as nosas propostas tanto nos orzamentos da Xunta como nos concellos, pero sen ofrecer ningunha alternativa, lamenta. Os nacionalistas reclamaron tamén do PSOE que se ten algunha alternativa que a poña en marcha xa que goberna en tres dos concellos onde está medrando o número de desempregados.