ORA
A prórroga da ORA prexudica ao comercio, a veciñanza e ao Concello
"Servizos como o cemiterio, a limpeza ou o amaño de rúas ou zonas verdes están privatizados de maneira irregular, sen concurso público para que calquera poida optar ao contrato en igualdade de oportunidades. A dedo"
Betanzos, 13 de febreiro de 2016. O xornal Betanzos e a súa comarca publica no seu número deste mes un artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e mais as persoas que participan nas Asembleas Abertas, no que analizamos o proceso de privatización de servizos e os intereses aos que serve o goberno local neste proceso. Aquí o tes enteiro para poder lelo.
A prórroga da ORA prexudica ao comercio, a veciñanza e ao Concello
O goberno local, o PSOE, non goberna pensando no mellor para a veciñanza. Que nos leva a afirmalo con esa rotundidade? Por qué dicimos iso, pensaredes? Vexamos 3 exemplos do último mes que nos levan a esa conclusión.
Escola infantil. Desde setembro ten as aulas masificadas debido a que o goberno local non cubre as baixas- dúas ou tres nalgún momento. Xa naquela altura- e mes tras mes no Pleno- vimos reclamando que se cubran as baixas de xeito urxente. Aínda no momento de redactar estas liñas continúa sen persoal, coas crianzas pagando o exceso de alumnado por docente, o persoal sufrindo xornadas excesivas e o Concello exposto a unha multa da Xunta. O que sí fixo o goberno local foi anunciar nos medios de comunicación hai mais de unha semana que as baixas se ían cubrir de xeito inminente. Seguimos agardando.
O goberno local, o PSOE, non goberna pensando no mellor para a veciñanza, está só para manterse no goberno e beneficiar a uns poucos
Privatizacións. No cemiterio unha empresa privada asume os enterros. Co que lle cobra ao Concello teriamos un operario que, ademais de facer os sepelios, podería abrir o camposanto e encargarse do mantemento, moi necesario por certo. No servizo de limpeza pagamos unha sentenza por outro despido improcedente porque o goberno local prefire ter unha empresa privada nos colexios e no propio Concello antes de contratar persoal de limpeza. O mantemento das vías públicas ou o das zonas verdes lévano outras empresas privadas. En todos os casos, de maneira irregular, sen concurso público para que calquera poida optar ao contrato en igualdade de oportunidades. A dedo.
ORA. En agosto volvimos propor cambiar a zona azul de aparcamento de pago, a ORA, por un sistema gratuíto. Unha empresa que non deixa un céntimo no Concello cóbranos ás veciñas por aparcar nas nosas rúas e quere cobrarlle ao Concello por cobrarnos. Isto que parece un trabalinguas ou unha broma é literalmente así. A concesionaria non só non paga senon que quere que o Concello lle pague 100 000 euros por cobrarnos a ORA. Desde agosto o goberno local leva buscando excusas- informes, contas, papeis- para gañar tempo e deixar que a concesión se prorrogue un ano máis. Igual que fixo os últimos anos. Prexudica ao centro comercial aberto, que ten que competir con aparcamento de pago fronte ás grandes superficies comerciais, que o dan gratis. E a toda a veciñanza, que enchemos o peto dunha empresa privada a cambio de nada.
Conclusión: para quen goberna o PSOE? Para todos e todas ou só para manterse no goberno e beneficiar a uns poucos?