O BNG traslada de novo ao Pleno a falta de seguridade viaria no Mandeo

O BNG traslada de novo ao Pleno a falta de seguridade viaria no Mandeo

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

“Levamos anos reclamando medidas para garantir a seguridade viaria na estrada de Obre xa que os coches alcanzan velocidades excesivas para unha zona urbana como esta rúa onde se construíron nos últimos anos moitas novas vivendas”

Betanzos, 9 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas abertas trasladou de novo ao Pleno a preocupación da veciñanza da rúa do Mandeo polo exceso de velocidade. “A veciñanza da rúa do Mandeo insístenos na falta de medidas contra o exceso de velocidade na estrada a Obre, que xa trasladamos varias veces a Pleno sen que se adoptasen medidas adicionais para resolver este problema”, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río.

Os nacionalistas lembraron que mesmo a veciñanza desta parte do barrio da Ponte Vella se está a ver obrigada a pintar sinais de limitación da velocidade no mobiliario urbano para facer visíbel esta problemática diante da inacción do goberno local.

“Levamos anos reclamando medidas para garantir a seguridade viaria na estrada de Obre xa que os coches alcanzan velocidades excesivas para unha zona urbana como esta rúa onde se construíron nos últimos anos moitas novas vivendas”, indicou del Río, “ademais a iluminación da zona é bastante deficiente e isto contribúe a elevar o risco polas noites”.

Desde o BNG-Asembleas abertas recordaron que xa se levan producido na zona varios accidentes algún mesmo moi grave. “Teñen pensado adoptar algún tipo de solución ao exceso de velocidade nesta rúa? Se así fose, que solución prevén e en que prazo?”, interpelou o nacionalista.

 

O BNG traslada de novo ao Pleno a falta de seguridade viaria no Mandeo