O BNG exixe explicacións pola caída dun teito no centro de formación
Semella que a falta de inversión para manter as instalacións do centro de formación dignamente é a consecuencia dos plans de pechalo do goberno do PSOE.
Betanzos, 7 de agosto de 2013. O BNG lamentou que o goberno local do PSOE non dese conta, nin sequera de maneira informal, dun accidente laboral acontecido no centro de formación ocupacional municipal hai xa tres semanas. De non ser polo comité de empresa, nin sequera nos enteramos de que o Concello está denunciado diante da Inspección de Traballo polo estado en que tiña as dependencias do centro de formación, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O BNG exixiu do goberno local do PSOE unha explicación polo estado en que se atopa o centro de formación ocupacional de Bellavista
. Non é de recibo que ademais de tomarlles o pelo aos traballadores a conta dos seus salarios e permisos e de vacilalos coa negociación do convenio colectivo, o goberno local aínda por riba os expoña a que lle caia o teito dunha nave porque non está correctamente coidada, indican os nacionalistas.
Os nacionalistas recordan que a intención do goberno local era pechar o centro de formación ocupacional e recolocar os seus traballadores no servizo de obras e noutras oficinas municipais en función do seu cometido. O propio PSOE, malia negalo, púxoo por escrito nos seus orzamentos, recorda o voceiro do BNG.
Semella que a falta de inversión para manter as instalacións do centro de formación dignamente é a consecuencia deses plans de pechalo, indican. Funden os cartos en outras cousas que non aportan nada á veciñanza e logo, claro, non hai cartos para ter as instalacións municipais decentes, de forma que sigan prestando servizo á veciñanza, denuncian desde o BNG.
Ademais, o BNG denuncia que esta práctica de deixar os edificios sen mantemento é un proceder habitual do goberno local de Betanzos, tanto do actual do PSOE como o anterior do PP. Á vista están edificios e equipamentos aos que non se lles dá ningún coidado, desde o centro de formación ás pontes e balaustradas de madeira, indican. Parece que PSOE e PP aspiran a que as constructoras que escollen a dedo se lucren a costa do Concello de Betanzos denuncian. E que mentres cambiamos unha ponte de madeira ou unhas beirarrúas estragadas por estacionamento indebido de vehículos, non se inviste nada para ter mellores servizos, conclúen.