Presentada unha moción conxunta en defensa do servizo municipal de limpeza
O BNG-Asembleas Abertas respalda a concentración convocada polo comité de empresa.
Os tres grupos asinantes instan ao Goberno Municipal a manter o servizo de limpeza dos edificios públicos e do colexio Vales Villamarín e a súa xestión directa por parte do Concello.
Betanzos, 24 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas Abertas, Betanzos Novo e Compromiso por Galicia rexistraron hoxe unha moción conxunta contra o desmantelamento e privatización do servizo de limpeza municipal, apoiando así as demandas do Comité de empresa.
Na moción, que se debaterá no Pleno do vindeiro martes, os tres grupos asinantes instan ao Goberno Municipal a manter o servizo de limpeza dos edificios públicos e do colexio Vales Villamarín e a xestión directa deste por parte do Concello de Betanzos como servizo público e impedir que se externalice e privatice este servizo.
Reclaman tamén que, de xeito inmediato e sen máis dilacións, o goberno cubra as baixas e xubilacións do servizo de limpeza mediante a contratación de persoal temporal, con plenas garantías de igualdade, mérito e capacidade.
O BNG-Asembleas Abertas, Betanzos Novo e Compromiso por Galicia esperan que o Pleno apoie estas demandas e contrate persoal para garantir un servizo público de calidade, xa que ademais non existe impedimento legal para levar a cabo estes contratos.
O BNG-Asembleas Abertas respalda a concentración convocada polo comité de empresa
O BNG-Asembleas Abertas decidiu apoiar a concentración convocada polo comité de empresa do Concello contra o desmantelamento e a privatización do servizo municipal de limpeza, que terá lugar o martes ás 20:10 h, antes do inicio do Pleno no que se debaterá a moción conxunta impulsada polo BNG-Asembleas Abertas.