O BNG- Asembleas Abertas propón unha moción conxunta en defensa do servizo municipal de limpeza
En maio demos a nosa palabra de defender os servizos públicos. Podiamos presentar a moción en solitario e dentro das nosas posibilidades estariamos cumprindo coa palabra dada, pero consideramos que unha moción conxunta ten moita máis forza para obrigar ao goberno do PSOE a rectificar"
Betanzos, 23 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas Abertas remitiu onte unha proposta de moción conxunta aos outros grupos da Corporación que amosaron publicamente o seu apoio ás demandas do comité de empresa do Concello en relación ao desmantelamento do servizo municipal de limpeza. Pensamos que é moi importante chegar a acordos para defender os servizos públicos e que unha moción conxunta tería moita máis forza e máis opcións de sair adiante explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
A proposta recolle o texto que nos fixo chegar o Comité de Empresa así que supoñemos que non haberá problemas para chegar a un acordo indicou o edil do BNG-Asembleas Abertas. A situación do servizo de limpeza agravouse nos últimos tempos cos despedimentos de varias limpadoras, as baixas en aumento polo exceso de carga laboral en moitos casos e a modificación indiscriminada de condicións laborais sen cumprir os prazos de preaviso reflectidos na lexislación nin notificarllo nin comunicarllo aos representantes dos traballadores afectados por tales modificacións, é dicir, ao Comité de Empresa indica na exposición de motivos, tomada do comunicado achegado pola representación das empregadas municipais aos distintos grupos da Corporación.
Na actualidade o Concello só conta con tres traballadores de limpeza de edificios para cubrir trece edificios alonxados entre si alerta. Por este motivo, o acordo que o BNG-Asembleas Abertas propón aos outros grupos é o de demandar ao goberno municipal que tome medidas de inmediato que palíen o deterioro do servizo de limpeza e cubra as baixas e vacantes deste servizo para garantir a súa calidade. Sobra dicir que falamos de que se faga garantindo a igualdade de oportunidades para todas as persoas que queiran optar a estes empregos públicos, indica Henrique del Río.
Do mesmo xeito, a proposta do BNG-Asembleas Abertas inclúe outro acordo no que se force ao goberno do PSOE a manter a xestión directa dos servizos públicos e, polo tanto, a non afondar no proceso de privatización do servizo de limpeza nin de outros servizos municipais.
Entendemos os servizos públicos como garantía dunha mellor atención á veciñanza, máis baratos para as arcas públicas e barreira fronte a corruptelas indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Na campaña electoral de maio demos a nosa palabra de defender os servizos públicos e por iso mesmo propomos este acordo, explica. Podiamos presentar a moción e dentro das nosas posibilidades estariamos cumprindo coa palabra dada, pero consideramos que unha moción conxunta ten moita máis forza para obrigar ao goberno do PSOE a rectificar, conclúe.