O BNG reclama que o goberno local limpe os camiños en Tiobre
Os nacionalistas denuncian irregularidades na contratación dos bombeiros para cubrir o lanzamento do globo.
Betanzos, 2 de setembro de 2013. O BNG levou ao Pleno o malestar da veciñanza de Tiobre polo estado en que se atopan varios camiños da parroquia, invadidos da vexetación. Segundo explicou a concelleira María Otero, veciñas e veciños miran con preocupación como se vai alongando o verán sen que o executivo do PSOE desbroce as pistas que vertebran esta parte do concello.
O O PSOE presentou non hai moito unha moción pedindo á Deputación que desbrozase as súas estradas, mais o goberno local esqueceu as súas obrigas, indicou a nacionalista no Pleno. Por este motivo exixiu ao goberno local do PSOE que aclare ten pensado facer fronte ás súas obrigas e se os prazos do alcalde supoñerán desbrozar estes camiños antes de que remate o verán.
Desde o BNG insisten ao executivo do PSOE ante o risco para a seguridade da veciñanza que a situación actual supón. Esta situación, que se dá noutras parroquias, tamén está a darse en fincas e camiños próximos ao casco urbano. Así, os nacionalistas denunciaron recentemente a existencia de varias fincas a monte no entorno da Cañota e os Ánxeles e o estado de abandono e perigosidade que presenta un parque municipal na Condesa. O goberno debe crer que cun bando do alcalde xa está todo solucionado, ironizou a nacionalista María Otero no Pleno.
Os nacionalistas insisten en que o Concello ten medios técnicos e humanos para asumir estas actuacións, mais é obvio que as prioridades do goberno local van por outro lado.
Un problema de seguridade
Ademais, desde o BNG chamaron a atención sobre a situación do parque comarcal de bombeiros de Betanzos, que continúa en folga. O pasado 16 de agosto, a empresa que leva o parque de bombeiros de Betanzos contratou a 3 bombeiros para cubrir o lanzamento do Globo, denunciou Otero no Pleno, que advertiu que este feito é ilegal.
O comité de empresa trasladoulle á empresa a ilegalidade na que ían incurrir con estes feitos, indicou a concelleira do BNG. Que reclamou ao goberno local que aclare se tiña coñecemento destes feitos e, de ser o caso, por que non emitiu ningunha queixa. Ten pensado trasladar estas situación ao consorcio provincial de bombeiros? interpelou, entendendo que é o desexábel para garantir a seguridade da veciñanza.