O Pleno, a proposta do BNG, acorda colocar unha faixa a prol do aborto no balcón do Concello
Vai sendo moita hora de que o PSOE de Betanzos pase das palabras aos feitos. O pasado mes de maio o Pleno aprobou unha moción do BNG para facer unha campaña que explicase á veciñanza como afectará a reforma desta lei e o goberno aínda nada fixo.
Betanzos, 30 de xaneiro de 2014. O Pleno acordou, a iniciativa do BNG, que o Concello de Betanzos coloque unha faixa na Casa Consistorial amosando o seu posicionamento contrario á reforma da lei do aborto co lema Polo dereito das mulleres a decidir. Aborto libre e gratuíto, como xa fixeron outros concellos galegos.
Vai sendo moita hora de que o PSOE de Betanzos pase das palabras aos feitos indicou o voceiro nacionalista, ao defender a proposta do BNG fronte a unha moción do PSOE que só pretendía unha mera declaración de intencións. O pasado mes de maio o Pleno aprobou unha moción do BNG para facer unha campaña que explicase á veciñanza como afectará a reforma desta lei e o goberno aínda nada fixo, reprobou o voceiro nacionalista.
É moita hora de que o PSOE demostre con feitos que acredita nas declaracións retóricas que fai
Os nacionalistas denunciaron que mentres que o PSOE participa a nivel galego e na Coruña na plataforma en defensa do dereito ao aborto, o PSOE de Betanzos non só non acudiu ás xuntanzas para constituír esta plataforma na nosa comarca senón que nunha delas un concelleiro socialista estaba á porta do local para ver quen acudía á xuntanza da plataforma.
É moita hora de que o PSOE demostre con feitos que acredita nas declaracións retóricas que fai indican desde o BNG. Nós temos claro o noso posicionamento contrario a esta lei retrógrada que fai que todo o mundo poida decidir sobre o corpo da muller menos ela mesma, indican os nacionalistas. Declarámolo, pero tamén actuamos en consecuencia, que é o que botamos en falta en toda a retórica que fai o PSOE, aseguran.