O BNG critica a inactividade do goberno na restitución da Casa Gótica
Os nacionalistas censuran que o goberno do PSOE asegurase aos medios en xullo de 2013 que continuaba coas multas periódicas ao propietario para forzar a reconstrución do inmóbel, cando é falso.
Betanzos, 29 de xaneiro de 2014. O BNG denunciou que o goberno local do PSOE non adoptou ningún tipo de medida con respecto á Casa Gótica desde 2012. Semella que o PSOE xa da por perdida a casa Gótica e renuncian a reconstruíla, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
En agosto de 2012 o goberno do PSOE acorda impoñer unha segunda multa de 3000 euros para tratar de forzar ao propietario a reconstruír o inmoble, explicou. Desde ese momento non hai nada máis no expediente, engade. Nin continuaron coas multas para forzar ao propietario a reconstruír a Casa Gótica nin optaron pola reconstrución subsidiaria para que o Casco Histórico recupere unha das súas xoias, engade.
Os nacionalistas censuran que o goberno do PSOE asegurase aos medios en xullo de 2013 que continuaba coas multas periódicas ao propietario para forzar a reconstrución do inmóbel. A última que aparece no expediente é de agosto de 2012, aseguran.
Que o xuízo sobre a demolición da Casa Gótica estea en proceso non quere dicir que haxa que renunciar a repoñer a legalidade e recuperar o edificio, explican. Agás botar balóns fóra, o goberno do PSOE non fixo nada polo Casco Histórico en todo o mandato, opinan os nacionalistas. O que non se pode é utilizar o Casco Histórico para atacar a Xunta do PP mentres que no que depende do Concello a inactividade é total criticou o BNG.
Dotación de mobiliario urbano para disuadir o estacionamento e facilitar a convivencia
Os nacionalistas demandan do goberno local que coloque mobiliario urbano nas rúas e prazas peonís do Casco Histórico. O PSOE retirou todo o mobiliario urbano que había, favorecendo a ocupación de rúas e prazas polos vehículos e, polo tanto, facendo imposíbel a preferencia peonil sobre estes espazos públicos.
Isto conleva que vida comunitaria e actividades de lecer e esparcemento non se poidan levar a cabo nas prazas da zona histórica do noso municipio, contribuíndo deste xeito a baleirar de vida e de actividade económica o Casco Histórico lamentan.