O BNG levará ao Pleno o malestar da veciñanza de Castro polo abandono que sofre a aldea
Salta enseguida á vista que o goberno local do PSOE ten abandonada esta aldea desde hai anos. Camiños comidos da maleza, ruínas que ameazan desplomarse e a pista deportiva comida das silveiras son algunhas das queixas.
Betanzos, 8 de outubro de 2014. O BNG recolleu as queixas dun grupo de veciños e veciñas de Castro debido ao abandono en que o goberno local do PSOE ten sumida a aldea. Así, os residentes amosaron aos representantes do BNG un banco comido por un seto fronte á fonte da aldea. A poucos metros, no camiño que baixa á igrexa, amosaron como a pista está practicamente intransitábel debido á maleza que brota do propio camiño, de titularidade municipal.
Ademais, os representantes do BNG puideron comprobar o perigo que ofrecen varias vivendas abandonadas e ruinosas na propia aldea de Castro. Inexplicabelmente baixo unha delas o Concello instalou un banco para que a veciñanza descanse, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Seica colocaron uns días unhas vallas para advertir do perigo pero logo as retiraron, probabelmente para reciclar noutra vivenda ruinosa, tal vez no Casco Histórico, ironizou.
Xunto a estas deficiencias, veciñas e veciños amosaron tamén camiños que levan tempo sen limpar e deficiencias da rede de saneamento. Salta enseguida á vista que o goberno local ten abandonada esta aldea desde hai anos, lamenta o voceiro nacionalista.
Neste sentido, desde o BNG chaman a atención tamén sobre o deficiente estado de conservación da pista deportiva e área de esparcemento da parroquia, ao pé da igrexa de Castro-Pontellas. A broza chega ao círculo central da pista polideportiva, tragou o camiño de acceso e enguliu a valla que a rodea, denuncia o edil do BNG. No parque, os bancos hai que buscalos no medio da maleza, engade.
Gastouse un lote de cartos públicos dunha subvención en facer esta área deportiva e de lecer para que agora estea totalmente abandonada desde hai anos e comida das silvas, denuncia. Levamos varias veces este tema a Pleno e a pesar das boas palabras o goberno do PSOE non fixo absolutamente nada engade. E o que aínda é peor, está estragando con coñecemento de causa este investimento ao telo comido do monte e non facer nada por frear o seu deterioro e poñelo en uso, conclúe.
Por este motivo, os nacionalistas avanzaron que presentarán unha iniciativa no vindeiro Pleno para poñer fin a todos estes problemas de abandono que padece a veciñanza desta parroquia.