O BNG-Asembleas Abertas demanda a limpeza das pistas do Carregal
As nacionalistas levarán este tema e outros como a xestión das piscinas públicas e as deficiencias que acarrean ao Consello municipal de deportes.
Betanzos, 8 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas trasladou ao Pleno as queixas das persoas usuarias das pistas deportivas do Carregal pola falta de limpeza. Non é raro que as pistas estean cheas de lixo, que se acumula alí arreo explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Son as únicas pistas que realmente se poden utilizar no inverno, explica Del Río. A sucidade acumúlase durante días e son escasas as papeleiras alí instaladas; as pistas, polo demais, acusan unha máis ca necesaria limpeza insisten.
Por este motivo, desde o BNG-Asembleas abertas reclamaron ao goberno local que preste atención a cuestións de xestión diaria tan simples como a limpeza ou o vaciado das papeleiras que están tremendamente descoidadas.
As nacionalistas levarán este tema e outros como a xestión das piscinas públicas e as deficiencias que acarrean ao Consello municipal de deportes que o goberno local ven de convocar para o vindeiro luns día 15 de febreiro.