O BNG reclama o amaño da pista deportiva do Xuncaliño
Betanzos non está moi sobrado de espazos de lecer como este e non é normal que o goberno local do PSOE os teña todos así. O noso concello vai camiño de facerse co dubidoso título de concello con maior taxa de desemprego da comarca e o goberno do PSOE non ten ningún antídoto á vista e rexeita as únicas propostas para crear emprego que chegaron ao Pleno.
Betanzos, 7 de maio de 2013. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local repare a pista deportiva do Xuncaliño, utilizada pola veciñanza dos barrios da Ribeira e a Ponte Vella. Segundo indicou a concelleira nacionalista María Otero, as vallas están rotas e os arames virados cara fóra, de forma que supoñen un perigo para os cativos que xogan nese parque.
Os nacionalistas aseguran que o estado desta pista é unha preocupación que recibiron de moitos veciños e veciñas. Betanzos non está moi sobrado de espazos de lecer como este e non é normal que o goberno local do PSOE os teña todos así, censura o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Por que se chega a esta situación sen que o goberno local actúe para evitar este deterioro? preguntaron os nacionalistas. Desde o BNG advirten que o estado actual pode chegar a representar un perigo. Van agardar a amañalo ao día antes do próximo Pleno para poder contestarnos que non había ningún desperfecto, como adoitan facer? ironizou a concelleira do BNG.
1274 persoas sen emprego, novo récord que exixe medidas do goberno local
Os nacionalistas tamén reclaman ao goberno do PSOE que explique que pasos diron até a data para poñer en marcha o viveiro de empresas, o banco de locais comerciais e a cesión de uso de parcelas municipais a monte para persoas desempregadas, tres iniciativas do BNG respaldadas polo Pleno. Se o goberno do PSOE non tiña pensado cumprilas, excusaba apoialas, pero en todo caso que poña xa enriba da mesa as súas propostas alternativas para crear emprego en Betanzos, reclama o voceiro do BNG.
Nun contexto onde o desemprego se reduce un chisco de nada no país, en Betanzos medra o desemprego en 24 novas persoas, un 1,88% máis, lembrou Del Río. O noso concello vai camiño de facerse co dubidoso título de concello con maior taxa de desemprego da comarca e o goberno do PSOE non ten ningún antídoto á vista e rexeita as únicas propostas para crear emprego que chegaron ao Pleno, lamenta.
Os nacionalistas aseguran que mentres o BNG fai propostas para reducir a taxa de desemprego, a dereita anda enredando con dedicatorias de rúas, cidades amigas da infancia e ocorrencias como o centenario do tren, que non cremos que ocupen un minuto ás 1274 persoas sen emprego de Betanzos e as súas familias. Será porque esta taxa de desemprego é en parte consecuencia da reforma laboral do PP, indican.