É o momento de que o Concello garanta o dereito á vivenda, con rehabilitación fronte a especulación
"No BNG-Asembleas Abertas queremos seguir representando a esas persoas que non se resignan ante cada novo recorte ou a vivir peor que as nosas nais"
Betanzos, 9 de xullo de 2015. O xornal 'Betanzos e a súa comarca' pediunos un artigo de opinión sobre as expectativas de cara ao mandato municipal que acaba de comezar. A continuación ofrecemos íntegro ese artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e mais as persoas que participan nas Asembleas Abertas. Boa lectura.
Esperamos que os vindeiros 4 anos sexan por fin os anos do cambio, da transformación de Betanzos, da posta en valor do noso patrimonio, dos nosos barrios históricos, do Pasatempo... Esperamos que nestes anos consigamos traballar xuntas, chegar a acordos, para facer de Betanzos un fogar no que poder vivir e traballar. Un Concello máis xusto e sostíbel.
É o momento de poñer enriba da mesa propostas para xerar emprego. De deixar un Betanzos mellor do que agora temos.
Agardamos que este mandato supoña un cambio na forma de gobernar, que se conte coa opinión de todas para administrar o que é de todas. Esperamos que o Concello poña paredes de vidro e todas as veciñas saibamos en que se van os nosos impostos. Que a web municipal pase a ser espazo de información para a veciñanza e non un lugar pagado con cartos públicos para a propaganda do PSOE.
É o momento de poñer enriba da mesa propostas para xerar emprego. De que o Concello garanta o dereito á vivenda, con rehabilitación fronte a especulación. De garantir o medio saneando os ríos e esquecer paseos faraónicos que estraguen o Mandeo. De defender servizos públicos fronte a privatización. De deixar un Betanzos mellor do que agora temos.
Non é bo comezo despedir as limpadoras do aulario e outra subcontrata irregular no Hotel San Roque
Non é bo comezo despedir as limpadoras do aulario e outra subcontrata irregular no Hotel San Roque, nin gastar case 60 mil euros en orquestras mentres se recortan e privatizan servizos. Aínda así esperamos que todas saibamos estar á altura do que as nosas veciñas esperan de nós.
No BNG-Asembleas Abertas queremos seguir representando a esas persoas que non se resignan ante cada novo recorte ou a vivir peor que as nosas nais. Estamos aquí para ofrecer imaxinación, ilusión e forza. Para conseguir no noso concello e no País o cambio con maiúsculas que precisamos para vivir con dignidade. Á vosa disposición!