'É o momento de cambialo todo', conclusións da primeira asemblea aberta
"Os partidos do sistema, PSOE e PP, e os intereses que realmente representan e para quen gobernan pensarán quen o ía dicir, os débiles de verdade nunca se renden!, como expresou Benedetti. É certo, non nos rendimos e pretendemos darlle a volta ao noso concello!"
Betanzos, 10 de outubro de 2014. O xornal 'Betanzos e a súa comarca' deste mes recolle un artigo da autoría colectiva da Asemblea Local do BNG coas principais conclusións da primeira asemblea aberta celebrada hai uns días. Polo seu interese reproducímolo integramente a seguir.
É o momento de cambialo todo!
Non vos esquezades de que a unión é a forza, e se vos xuntades, non hai cañóns que poidan con nosoutros. Tal dixo Manuel Lugrís Freire desde o Palco da Música, no primeiro discurso público no noso idioma. E por iso convidamos a todas as persoas que queren a este país a sumarse e construír unha alternativa para desaloxar do noso Concello a PSOE e PP, bexatos da política dos que falaba Lugrís en 1907.
A pasada semana celebramos a primeira asemblea aberta con este fin. Para escoitar críticas e recoller propostas e inquedanzas da veciñanza. Até o de agora fixeramos asembleas abertas sobre temas concretos como recoller propostas para os orzamentos ou sobre problemas como a gasolineira do colexio, a suba da luz e a factura eléctrica, a lei de augas ou a antena de Viraventos. Pensamos seguir falando coa xente para buscar solucións aos problemas de Betanzos en asembleas abertas, na rúa, onde calquera poida acudir e opinar e para seguir sumando xente para cambialo todo.
Moitos dos problemas da nosa cidade non teñen solución directa aquí: a reconversión do novo colexio nun edificio auxiliar do Vales Villamarín, os recortes en sanidade que afectan ao ambulatorio, os problemas no transporte público, o estado da ría Por iso é necesario articular un proxecto nacional, que atenda ás necesidades específicas do pobo galego.
Sen embargo outros moitos si teñen solución desde aquí mesmo e a pesar diso os partidos do sistema, PSOE e PP, foron incapaces de solucionalos. Ou non quixeron. Porque non teñen modelo de cidade ou porque o seu modelo é servir uns intereses distintos aos da maioría da veciñanza. Por iso os barrios da periferia, como a Madalena ou a Ponte Vella, están abandonados. Por iso os camiños nas parroquias están estragados, as pistas deportivas en Castro ou Tiobre abandonadas e non funciona o sanamento en Roibeira.
Por iso o servizo da traída e o saneamento funcionan tan mal sen que ningún goberno obrigase á empresa a melloralo. Por iso mentres que se un veciño non paga a taxa do lixo o goberno vaille á conta bancaria as empresas da auga, saneamento, ORA, o hotel San Roque ou as terrazas do Campo non pagan nada polas súas concesións. Por iso danse e repítense casos de enchufismo dos afíns ao goberno e temos aos últimos alcaldes baixo sospeita- a do PP polo enchufe no Conservatorio e o do PSOE actual na Pokémon con Viaqua.
É necesario cambiar as cousas. Sumar moitas persoas fartas desta situación, desde a base, sen cambalaches de despacho nin pactos de cúpulas
Por iso os cartos públicos se reparten a dedo entre as entidades que lle bailan as augas ao goberno de turno. Por iso o goberno contrata a dedo a quen lle peta para facer as obras, aínda que saian mal ou non sexa o máis xusto nin barato. Por iso ía saír unha gasolineira a carón do Vales Villamarín co silenzo cómplice do goberno local. Por iso todos os equipamentos se concentraron, por parte de PSOE e PP, no Carregal privando aos barrios de ter un cacho de zona verde ou unha pista deportiva.
Por iso é necesario cambiar as cousas. Sumar moitas persoas fartas desta situación, desde a base, sen cambalaches de despacho nin pactos de cúpulas.
Os partidos do sistema, PSOE e PP, e os intereses que realmente representan e para quen gobernan pensarán quen o ía dicir, os débiles de verdade nunca se renden!, como expresou Benedetti. É certo, non nos rendimos e pretendemos darlle a volta ao noso concello!