Manipulación ou humanidade? A Asemblea Local do BNG analiza a ordenanza de limpeza
"A diferenza entre lixo e refugallo ou entre contedor e colector non pode ser mais importante que a humanidade e a xustiza social. No BNG temos a conciencia moi tranquila por ter feito todo o posíbel para cambiar esta inxustiza".
Betanzos, 6 de febreiro de 2014. O último número do xornal 'Betanzos e a súa comarca, que edita ACEBE-CCA recolle nas súas páxinas un artigo de opinión colectivo da Asemblea Local do BNG. Nos parágrafos que o compoñen, a militancia nacionalista explica a súa visión sobre a inxusta sanción de cen euros por remexer entre o lixo que mantén a ordenanza de limpeza. Polo seu interese, reproducímolo a seguir de xeito íntegro.
Manipulación ou humanidade?
Desde o BNG propuxemos no último Pleno derrogar a ordenanza de limpeza porque, entre outras cousas, prevé unha multa de até 100 euros para calquera persoa que faga selección, clasificación ou separación de calquera clase de material de refugallos depositado na vía pública. Frase que non fala de darlle volta aos colectores como acto vandálico, senón de remexer e rebuscar dentro deles. Isto quere dicir que a calquera persoa que sexa sorprendida revolvendo no lixo- quer en colectores, quer acumulado na vía pública- seralle aplicada unha multa de 100 euros.
Lamentamos a bochornosa manipulación que a dereita fixo das ordenanzas de limpeza de dous concellos gobernados polo BNG para defender a súa norma antisocial de Betanzos
Supoñemos que non hai que recordar que quen revolve no lixo é empuxado pola súa necesidade e faino para atopar algo que o alimente ou que lle poida dar algúns cartos. Parécenos terriblemente inxusto e antisocial multar a calquera persoa que se vexa obrigada a buscar entre o lixo dos demais algo que comer, sobre todo nun momento en que moita xente está pasándoo realmente mal a causa da crise e das políticas que os gobernos do PP no estado e en Galiza impoñen.
Xa presentamos varios recursos e alegacións para parar esta norma, que foi redactada polo PP e aprobada grazas ao PSOE. Como as normas están para cumprilas ou para derrogalas, xa que non aplicar unha norma que está aprobada e en vigor pode mesmo ser unha prevaricación, defendemos que non se manteña unha norma como esta. Porque ademais, que agora non a apliquen non quere dicir que mañá non poida cambiar o goberno e decidir aplicar unha norma que é antisocial e tremendamente inxusta.
Non imos dicir que o BNG nunca cometeu erros na súa acción de goberno, mais neste caso é abertamente falso o que dixeron PSOE, PP e CxB no Pleno
Lamentamos a bochornosa manipulación que a dereita fixo das ordenanzas de limpeza de dous concellos gobernados polo BNG para defender a súa norma antisocial de Betanzos. A ordenanza de Allariz non di absolutamente nada sobre multas a quen rebusque no lixo e a de Carballo o que multa é que o lixo se espalle pola rúa.
Non imos dicir que o BNG nunca cometeu erros na súa acción de goberno, mais neste caso é abertamente falso o que dixeron no Pleno. A diferenza entre lixo e refugallo ou entre contedor e colector non pode ser mais importante que a humanidade e a xustiza social. No BNG temos a conciencia moi tranquila por ter feito todo o posíbel para cambiar esta inxustiza.