O BNG exixe explicacións das actuacións tanto do alcalde como da exalcaldesa na trama Pokemon
García e Faraldo deben aclarar de inmediato se estas actuacións eran a título particular ou seguindo directrices do PSOE e o PP.
Betanzos, 5 de febreiro de 2014. Con independencia das responsabilidades penais que puidesen existir, logo de termos coñecemento do contido de parte das gravacións en relación ao caso Pokemon, ponse de manifesto que as actuacións do actual alcalde, Ramón García (PSOE), e da anterior alcaldesa e actual deputada do PP María Faraldo, non só eran contrarias ao que se espera dun cargo público senón que son incompatíbeis co exercicio de cargos de representación pública porque non estan representando a veciñanza, senón os seus propios intereses, razón pola que ambos deberían dimitir.
O BNG expón que a responsabilidade pola que debe rexerse todo cargo público implica actuar conforme á legalidade, á ética pública e ao principio de confianza, pero principalmente, conforme ao principio de obxectividade, isto é, ten que utilizarse o cargo para cumprir as funcións de servizo público e non para intereses puramente particulares ou partidistas. Un cargo público non pode facer uso do mesmo con fins espurios, advirte o portavoz municipal do BNG.
Entendemos que o actual alcalde está eticamente desacreditado para ocupar calquera cargo de representación política
Por esta razón, e con independencia das responsabilidades penais, o BNG salienta que o señor García Vázquez e a señora Faraldo Botana utilizaron o cargo non para o exercio da función pública senón con fins perversos, de modo que o Bloque volve exixir a dimisión da exalcaldesa e deputada do PP María Faraldo. Entendemos que o actual alcalde está eticamente desacreditado para ocupar calquera cargo de representación política, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
García (PSOE) e Faraldo (PP) deben dimitir de inmediato porque cada día que pasa máis grande é a desconfianza que se xera respecto ao Concello de Betanzos e á súa xestión
Para o BNG, tanto Ramón García como María Faraldo e os partidos de ambos deberán aclarar á veciñanza, e aclaralo xa, se tiñan coñecemento ou non das actuacións que constan nas gravacións sobre ambos. Deben aclarar de inmediato se estas actuacións eran a título particular ou seguindo directrices do PSOE e o PP, exixe Del Río. O BNG subliña que deben facelo de inmediato porque cada día que pasa máis grande é a desconfianza que se xera respecto ao Concello de Betanzos e á súa xestión.