Insistimos novamente en mellorar a sinalización nas incorporacións ao Malecón
“Pedimos ao goberno local que pase dos compromisos difusos ás medidas concretas”. “As medidas necesarias son fáciles de implementar e non serían costosas”
“Pedimos ao goberno local que pase dos compromisos difusos ás medidas concretas”. “As medidas necesarias son fáciles de implementar e non serían costosas”
Betanzos, 29 de abril de 2017. O BNG insistiu novamente no Pleno na necesidade de sinalizar debidamente as incorporacións ao paseo do Malecón desde as rúas da Ribeira. E non é a primeira vez que o fan. Hai meses levaron unha iniciativa plenaria, que recabou o apoio do goberno local. As nacionalistas trasladaron o testemuño de varias persoas, que insisten na “falta de sinalización nas bocarrúas”, que estaría a provocar incorporacións de vehículos ao Malecón no sentido contrario da marcha.
Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, ao parecer “durante as pasadas vacacións de Semana Santa este tipo de sucesos foi especialmente frecuente”. O concelleiro do BNG explicou que a veciñanza insistiu “na necesidade de adoptar medidas polo perigo que supón un vehículo circulando en sentido contrario”.
As nacionalistas lembran que esta cuestión xa foi trasladada varias veces durante os últimos anos ao Pleno a pedimento da veciñanza da Ribeira, “sen que, polo momento, o goberno local pasase de compromisos difusos ao feito concreto da mellora da sinalización neste punto”. “Non sabemos que ten que acontecer para que se mellore a sinalización, unha medida cun custo mínimo que mellorará sensiblemente a seguridade viaria no entorno do Malecón,” explica Del Río.
As medidas necesarias son fáciles de implementar e non serían costosas
“Estamos falando de seis rúas que dan ao paseo do Malecón. Por tanto, trataríase de pintar seis frechas nas bocarrúas e colocar seis sinais, e se acaso pintar un par de frechas máis na calzada do Malecón”, explica o concelleiro nacionalista. “Mesmo algúns dos sinais verticais pode ir colocado nas farolas do Malecón, cun custo aínda menor”, engade.
Neste sentido, as nacionalistas demandaron ao goberno local que explique por que, malia comprometerse a instalar sinalización para garantir a correcta incorporación ao Malecón, non se fixo. “Pedimos que nun prazo de dous meses reforcen a sinalización actual con marcas viarias e sinais adicionais para evitar calquera tipo de percance” engade Del Río.