O BNG-AA preocúpase de novo polo problemas de circulación no Malecón
Trátase dunha obra mínima: pintar flechas que dirixan o sentido do tránsito nas interseccións do paseo do Malecón coas rúas adxacentes.
Betanzos, 1 de novembro de 2015. A instancias da veciñanza da Ribeira, o BNG-Asembleas Abertas levou de novo ao Pleno os problemas de circulación no Malecón. O responsábel local do BNG-AA, Carlos Dias, manifesta que as queixas da veciñanza da Ribeira continúan. Nos últimos días, varios veciños avisaban do caos circulatorio na zona do Malecón, e denunciaban a falta de pintura no firme, causa de moita confusión no tráfico. Tal confusión, apunta Dias, é perigosa, porque son numerosos os casos de vehículos que circulan en sentido contrario, co risco que supón para condutores/as e viandantes.
As nacionalistas explican que as actuacións requiren unha cantidade de cartos realmente modesta: cada metro cadrado de pintura reflectante para marcas viais custa algo máis de 6 euros e cada sinal reflectante vale arredor de 200 euros. Son prezos fixados nos proxectos de obra que o propio goberno local ten levado ao Pleno, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Serían 18 ou 24 euros da pintura e 1200 euros dos sinais, aproximadamente, resume.
Estamos falando de seis rúas que dan ao paseo do Malecón. Por tanto, trataríase de pintar seis frechas e colocar seis sinais, explica o concelleiro nacionalista. Mesmo algúns dos sinais verticais pode ir colocado nas farolas do Malecón, cun custo aínda menor, engade. Desde o BNG explican que, ademais, o Concello ten o persoal para facer este traballo directamente, polo que non entenden a demora en executalo.
Non entendemos que non se teña solucionado o problema, lamenta Dias. Xa houbo mesmo algún accidente e nin con esas o goberno local fixo algo tan simple como pintar catro frechas na estrada, sinceramente non sabemos a que agardan, relata e conclúe dubidamos que se trate dun problema de orzamento, máis ben de vontade por parte do concelleiro.
Desde o BNG recordan que xa levaron esta cuestión ao Pleno tres veces, e que o goberno local sempre prometeu melloras na seguridade viaria da zona.