O BNG insiste na súa demanda de mellor sinalización no Malecón
Pintar marcas viais nos cruces non ten un custo elevado, depende só dunha vontade política que ao que se ve o goberno do PSOE non ten.
Betanzos, 11 de novembro de 2014. O BNG insistiu na necesidade de que o goberno local reforce a sinalización nos cruces que dan acceso ao paseo do Malecón desde o interior do barrio da Ribeira. Onte houbo un accidente leve, entre un coche que saíu en dirección contraria e outro que circulaba correctamente, como nos comentaron varias persoas da Ribeira, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Desde o BNG recordan que o pasado mes de maio levaron esta demanda da veciñanza da Ribeira ao Pleno, advertindo ademais de que os sinais de tráfico que regulan os cruces presentan un deterioro evidente. Nesta liña, tamén propuxeron reforzar a sinalización vertical con marcas viarias e frechas na calzada indicando o sentido da circulación para mellorar a seguridade na zona.
Todas estas suxestións, que os nacionalistas recolleron da veciñanza do barrio, buscarían evitar situacións de perigo, pois segundo nos indican non hai día que dous ou tres coches circulen en sentido contrario ao resultar insuficiente a sinalización, indica o edil do BNG.
O propio goberno local recoñeceu na súa resposta a necesidade destas actuacións e mesmo indicou que non faría falla a autorización do Ministerio de Fomento, titular do Malecón, para levalas adiante, relata Del Río. Sen embargo, desde que trasladamos as demandas da veciñanza ao Pleno o goberno do PSOE non fixo absolutamente nada neste sentido, denuncia.
O Bloque entende que esta actuación non precisa dun desembolso de cartos importante. Trátase máis que nada dunha cuestión de vontade política por solucionar este problema insiste o voceiro nacionalista, que considera que logo de máis de seis meses despois de poñerlle solucións concretas enriba da mesa é obvio que o PSOE non ten vontade por solucionar este problema. Cando aconteza un accidente máis grave virán os lamentos e o anuncio de plans de mellora da seguridade viaria no Malecón pero semella que mentres iso suceda o goberno local non ten pensado cambiar nada, conclúen.
Gratuidade da peaxe para evitar o tráfico pesado pola Ribeira e a Ponte Vella
Os nacionalistas insistiron no Pleno en reclamar a gratuidade da AP-9 cando menos no tramo que salva a ría de Betanzos de forma que os camións pesados poidan cruzar a ría polo Pedrido e evitar á veciñanza da Ribeira e a Ponte Vella situacións de perigo cada vez que un transporte pesado ten que cruzar a nosa cidade.