O BNG reclama melloras na sinalización do tráfico no Malecón
Os nacionalistas suxiren reforzar a actual sinalización con frechas na calzada para indicar o sentido da marcha e indicadores de sentido obrigatorio nas interseccións para evitar circulación en dirección contraria.
Betanzos, 30 de maio de 2014. O BNG solicitou no Pleno que se mellore a sinalización do tráfico en torno ao paseo do Malecón, na Ribeira. Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, os sinais de tráfico que regulan os cruces presentan un deterioro evidente polo que cumpriría melloralos.
Neste sentido, os nacionalistas suxiren que nas interseccións, a sinalización actualmente existente sexa reforzada con outros indicadores que sinalen o sentido da marcha para evitar que algún coches circulen en dirección contraria por descoñecemento, como acontece na actualidade. Desde o BNG tamén suxeriron ao executivo local que rotule frechas na calzada indicando o sentido da circulación.
Todas estas suxestións, que os nacionalistas recolleron da veciñanza do barrio, buscarían evitar situacións de perigo, pois segundo nos indican non hai día que dous ou tres coches circulen en sentido contrario ao resultar insuficiente a sinalización, indica o edil do BNG.
Sabemos que o paseo do Malecón é de titularidade estatal mais tampouco iso impide actuar para garantir a seguridade na zona, indicou Del Río. Por este motivo, desde o BNG urxiron ao goberno local do PSOE a dirixirse ao goberno español- titular da vía por ser unha travesía urbana da N-651- para que autorice estas actuacións de reforzo da seguridade viaria.
O BNG preguntou ao executivo local se prevé algún outro tipo de actuacións para a mellora da seguridade viaria na Ribeira. Neste sentido, os nacionalistas insistiron no Pleno en reclamar a gratuidade da AP-9 de forma que os camións pesados poidan salvar a ría polo Pedrido e evitar á veciñanza da Ribeira e a Ponte Vella situacións de perigo cada vez que un transporte pesado ten que cruzar a nosa cidade.