Por iniciativa do BNG, o Pleno debaterá a ILP de medidas para a creación de emprego da CIG
A CIG solicitou, ao amparo do disposto no Regulamento de Participación cidadá do Concello de Betanzos, intervir no Pleno para defender o contido da Iniciativa.
A Coruña, a 18 de marzo de 2014. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo co Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, dentro da campaña de actos públicos e xuntanzas institucionais que a CIG vén desenvolvendo nos últimos dous meses para explicar o contido da ILP de medidas para a creación de emprego promovida pola CIG.
O voceiro do BNG comprometeuse a presentar unha moción para pedir o apoio da Corporación de Betanzos á Iniciativa Lexislativa Popular, agárdase que sexa debatida no pleno municipal que terá lugar o próximo martes, 25 de marzo. Con tal motivo, a CIG solicitou, ao amparo do disposto no Regulamento de Participación cidadá do Concello de Betanzos, intervir en dita sesión para defender o contido da moción.
Esta mesma moción xa foi levada a pleno en diversos Concellos da comarca da Coruña e Bergantiños.
O BNG respalda o acto público que a CIG organiza mañá en Betanzos
O BNG tamén respalda o acto público que mañá, 19 de marzo, celebrará a CIG no Salón Azul do Liceo para explicar as 100 medidas para o crecemento e a creación de emprego na Galiza, recollidas nesta Iniciativa. Para que esta Iniciativa Lexislativa Popular poida ser debatida no Parlamento de Galiza, a CIG precisa xuntar 15 000 sinaturas para que a ILP sexa admitida para o seu debate no Parlamento.
Neste senso, a central sindical insiste necesidade urxente de adoptar medidas para a creación de emprego digno no noso país, que orienten as políticas públicas cara a unha saída favorábel da crise para a clase traballadora galega. Filgueiras e Del Río coincidiron en que estas "políticas deben facerse desde unha perspectiva de defensa dos nosos intereses", convencidos de que "todas estas políticas de concentración e recentralización da riqueza e do poder afondan moito máis no carácter periférico do noso país".
As medidas que a CIG contempla na ILP están encamiñadas a sentar as bases para un desenvolvemento económico e social máis sostíbel e suporán un aumento do emprego e unha mellora de dereitos sociais e da calidade de vida da poboación. A batería de propostas da central sindical abarcan diversos ámbitos, como a política industrial, a laboral, de emprego nos servizos públicos, fiscal, financeira, de inclusión social e laboral, medioambiental, etc.