Del Río: as explicacións do PSOE para xustificar 7 anos sen ingresos da ORA son lamentábeis
O PSOE e o PP tiñan coñecemento desta situación por un informe do secretario e mantiveron o prexuizo para a veciñanza. No único momento en que o goberno local empeza a actuar neste tema é cando o BNG empeza a denunciar a situación.
Betanzos, 15 de marzo de 2014. O BNG celebrou que o goberno local recoñeza que non houbo ingreso ningún en concepto de ORA desde o ano 2007 e volveu reclamar a supresión da ORA xa que non supón beneficio ningún para o noso Concello.
O goberno local empeza a actuar cando o BNG denuncia a situación irregular da ORA
Nin o PP durante todo o tempo que gobernou nin o PSOE no tempo que leva de lexislatura se preocuparon de defender os intereses da veciñanza, explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río, ningún deles exixiu as liquidacións á empresa concesionaria e isto a pesar de que tiñan coñecemento de que o contrato se estaba incumprindo a través dun informe do secretario.
Estiveron como mínimo 7 anos pagando os veciños e veciñas para enriquecer a unha empresa privada e os sucesivos gobernos do PP e do PSOE nunca se preocuparon do tema. No único momento en que o goberno local empeza a actuar neste tema é cando o BNG empeza a denunciar a situación, criticou Del Río, de feito toda a documentación que hai no concello desde o ano 2004 é posterior ás nosas denuncias públicas das irregularidades deste contrato.
A empresa entregou as liquidacións de sete anos o día despois de que o Pleno debatise a moción do BNG sobre suprimir a ORA
A empresa concesionaria, Setex Aparki, entregou parte da documentación xusto o día despois do Pleno no que o BNG pediu que se derrogara a ordenanza da ORA, indicou Del Río, e nesa documentación na que non aparece documentación dos tiquets de ORA emitidos nin comprobación ningunha, alegan que tiveron perdas todos os anos desde o 2007 e por iso non liquidaron co concello.
O que non entendemos é porque unha empresa ten unhas perdas de entorno a 20 000 euros todos os anos, nun contrato que rematou no 2006 e que se prorroga tacitamente prorrogas estas de dubidosa legalidade, xa que as prohibe a lei de contratos en vigor- durante 7 anos mais para seguir perdendo. Supoñemos que a concesionaria non é unha empresa senón unha ONG, ironizou o voceiro nacionalista, e non só iso, nunca liquidou co concello para facernos a todos un favor e non reclamarnos estes pagos. É unha explicación como mínimo surrealista.
As explicacións que o goberno local dá sobre este tema déixannos aínda máis asombrados. Un contrato que ven sendo incumprido durante 7 anos, mantense e a única explicación que dan é que segundo un informe do secretario isto é legal, criticou Del Río, desde logo o que non entendemos é que intereses defenderon o PP e o PSOE durante todos estes anos.
O BNG exixiu ao goberno local que reclame toda a documentación necesaria á empresa concesionaria sobre os tiquets emitidos e pagados polos veciños e veciñas e cualificou estas explicacións de tomadura de pelo. Os nacionalistas pediron aos outros grupos que apoien a supresión da ORA, que sería beneficiosa para toda a veciñanza e para o pequeno comercio, que será debatida de novo no vindeiro Pleno.