Impostos e mentiras, artigo do portavoz municipal sobre a suba de taxas do PSOE
"O PSOE podía ter proposto subir as taxas ás eléctricas e ás empresas de telefonía móbil para que os seus beneficios multimillonarios contribúan a pagar os servizos de quen menos teñen. Ou comarcalizar o conservatorio, que xa recibe alumnado de seis concellos da comarca aparte do noso. Pero iso sería intentar que quen non cré na xustiza social a aplique ao seu goberno. Lamentábel."
Betanzos, 11 de decembro de 2013. Estes días está a chegar a todas as casas do noso municipio un novo número do xornal Betanzos e a súa comarca. Nas súas páxinas aparece un artigo de opinión no que o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, repasa a proposta de suba de impostos e taxas municipais que o goberno local do PSOE levou ao Pleno a finais de novembro. Polo seu interese, reproducímolo a seguir de xeito íntegro.
Impostos e mentiras
Unha mentira non tería sentido se a verdade non fose percibida como perigosa. Ven isto a conta dos múltiples anuncios, feitos con recursos públicos por certo, do goberno do PSOE de que quería conxelar os impostos. Ben, a proposta que levaron a aprobación do Pleno era todo o contrario, era subilos.
Pretende levar adiante unha suba da auga. Sen explicar, ademais, por que durante este ano que remata estiveron a cobrar no recibo da auga 0,50 polo mantemento de contadores e 0,46 pola acometida, de maneira ilegal, xa que estas tarifas non estaban en vigor. Cos 7860 abonados ao servizo a empresa concesionaria cobrounos 45 273,60 euros sen base legal para facelo.
Coa excusa de incluír o custo de catro bombeos novos da rede de sumidoiros, o goberno do PSOE pretende subir o saneamento. A pesar de que a interventora municipal advertía, como no caso da traída, que a única finalidade desta suba era garantir os beneficios da concesionaria.
O PSOE quere tamén subir a taxa do Conservatorio, sen que estea claro aínda se ía cobrar os 200 euros que anunciou ou os 280 euros por asignatura e ano que recollía a súa proposta. E desculpar esta matrícula aos membros da Banda Municipal, cando o xusto sería que os descontos vaian en función da renda de cada familia e pagarlle aos integrantes da Banda dun xeito xusto e legal.
E logo de subir as tarifas da piscina e polideportivo o pasado ano coa excusa de melloras nos anos seguintes, agora PSOE e PP póñense de acordo para manter esas tarifas e perdoarlle parte das melloras á concesionaria.
Cousas como esta demostran que PSOE e PP son o mesmo. O argumento do PSOE para subir a taxa do saneamento coa excusa dos novos bombeos foi que o PP tamén o fixo coas depuradoras no seu día. Porque a realidade e que os dous gobernan para beneficiar aos mesmos e os prexudicados sempre somos todos e todas.
O PSOE podía ter proposto cobrar o IBI á Igrexa. Ou subir as taxas ás eléctricas e ás empresas de telefonía móbil para que os seus beneficios multimillonarios contribúan a pagar os servizos de quen menos teñen. Ou comarcalizar o conservatorio, que xa recibe alumnado de seis concellos da comarca aparte do noso. Pero iso sería intentar que quen non cré na xustiza social a aplique ao seu goberno. Lamentábel.