O BNG pide un millón de euros para iniciar a rehabilitación das vivendas da xunta no Casco Histórico
Os nacionalistas tamén reclaman 150 000 euros para comezar os traballos de cambio de tellado do CEIP Vales Villamarín.
Betanzos, 9 de decembro de 2013. O BNG pediu no Parlamento de Galiza que a Xunta destine un millón de euros para rehabilitar as vivendas que comprou no Casco Histórico. Os nacionalistas presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta logo de coñecer que o goberno do PP tan só prevé gastar nesta actuación 48 699 euros, unha cantidade ridícula que non dá para amañar sequera unha destas vivendas de forma que os cartos de todas e todos sirvan á sociedade.
O BNG lamenta que as dez casas da Xunta estean condenadas a caer ano tras ano porque o PP non ten vontade de amañalas, só de usar o Casco Histórico contra o goberno local, segundo indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. O PP fixo electoralismo con cartos públicos coa compra das vivendas do Casco Histórico, usándoas na súa campaña das municipais recorda. Prometeron a súa rehabilitación como vivendas sociais para gañar votos cos cartos de todas e todos, censuran.
O BNG denuncia que PSOE e PP evade nas súas responsabilidades na situación actual do Casco Histórico. Quen gobernou 30 anos na Xunta e 30 anos no Concello evaden as súas responsabilidades, asegura Del Río. Os que nada fan, discutindo cos que non fixeron nada para ver quen fixo menos mentres o Casco Histórico cae a cachos, resume.
Para os nacionalistas, PSOE e PP fan un paripé e declaracións retóricas pero demostran que PP e PSOE son iguais e non teñen intención de facer polo Casco Histórico nada que non sexan promesas en campaña electoral. O resultado é que o Casco Histórico continúa caendo a cachos, advirten.
O PSOE ten exactamente a mesma política do Casco Histórico que tiña o PP: ningunha, aseguran os nacionalistas. Manteñen as rúas peonís cheas de vehículos mal estacionados, eliminaron o mobiliario urbano do Casco e como todo investimento, parchean o pavimento, indican. Del Río lembra que o PSOE gastou 15 000 euros do orzamento en facer tres proxectos para a Xunta, sen estar obrigado a facelo, cartos que o goberno do PSOE tiña que ter investido en rehabilitar ou dinamizar o Casco Histórico.
Propuxemos crear un banco de locais comerciais, que cremos que pode recuperar a actividade económica no Casco Histórico
Os nacionalistas reclaman ao goberno local do PSOE que repoña os bancos, macetas, papeleiras e demais mobiliario urbano da zona histórica para humanizala e que garanta a seguridade dos peóns retirando os vehículos dos espazos peonís. Ademais, instan ao executivo a impulsar a extensión das redes de fibra óptica e gas no Casco Histórico, xa que non pode ser que non se ampliasen desde que o BNG saíu do goberno local hai sete anos.
Propuxemos crear un banco de locais comerciais, que cremos que pode recuperar a actividade económica no Casco Histórico, indica Del Río. Non sabemos por que o PSOE non fai nada con isto a pesar de que respaldou o acordo no Pleno, engade. Os nacionalistas tamén propuxeron que o Plan de Obras da Deputación servise para financiar a rehabilitación do tímpano da porta da Ribeira e para mellorar as prestacións da escola infantil municipal, ubicada en San Francisco.
Desde o BNG lamentan que o PP se limite a facer críticas sen achegar ningún tipo de solución, como demostra o estado das casas da Xunta. Vender fume si, crítica destrutiva tamén, pero facer propostas non se lle dá ben á dereita, ironizan. Se de verdade a dereita está por recuperar e rehabilitar o Casco Histórico, que acepten a emenda do BNG e destinen un millón de euros a amañar as casas da Xunta, reclaman.
Destinar fondos á reparación da cuberta do Vales Villamarín
O BNG solicitou ademais 150 000 euros para iniciar os traballos de substitución da cuberta do CEIP Vales Villamarín. O tellado actual ten tantos anos como o colexio e provoca humidades e un gasto enerxético enorme para quentalo, explican desde o BNG.
O PP non pode esconderse detrás do novo colexio de educación infantil para non facer máis investimentos nos centros públicos de ensino
Os nacionalistas trasladan así a demanda da comunidade escolar para comezar no 2014 a necesaria rehabilitación do centro escolar. O PP non pode esconderse detrás do novo colexio de educación infantil para non facer máis investimentos nos centros públicos de ensino, indica Del Río.