Galiza Nova presenta o DesConcerto 2012
O Matadoiro acolle mañá un concerto de Quando Vand, Blue Coffee e Ulträqäns, unah exhibición de grafitti e un concurso fotográfico.
Betanzos, 12 de outubro de 2012. A responsábel local de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, Sara Matilla, presentou unha nova edición do DesConcerto, un festival que organiza Galiza Nova e que reúne os mellores grupos da comarca, prestando especial importancia aos grupos da localidade.
A cita, que se desenvolverá mañá día 13 desde as 22:00 h no Matadoiro da Ribeira, contará coa participación das bandas noveis betanceiras Quando Vand e Blue Coffee e pechará coa actuación dos coruñeses Ulträqäns, unha banda xa consagrada no panorama musical galego. A programación complétase cunha exhibición de grafitti- os asistentes poderán entrar no sorteo para levarse unha das obras- e un concurso de fotografía co móbil. Quen queira participar nel, explicou, só ten que colgar as súas fotos do DesConcerto na rede social Facebook e etiquetar a Galiza Nova-Betanzos nelas. Un xurado composto por membros da comisión organizadora outorgará os premios.
Na presentación do cartel do festival, a responsable local de Galiza Nova, Sara Matilla, comentou a importancia do DesConcerto como un modelo alternativo á política xuvenil que o PSOE desenvolve desde o goberno local de Betanzos, que non responde ás necesidades reais da mocidade.
Galiza Nova presenta o DesConcerto como unha plataforma para a proxección dos conxuntos que ensaian nos locais municipais de ensaio, cos que apenas conta o goberno do PSOE na súa programación cultural e festiva ao longo do ano. Por exemplo, poderían contar con eles para levar as festas organizando eventos en todos os barrios da cidade, como fai Galiza Nova co DesConcerto, apuntou.
Sara Matilla agradeceu a colaboración desinteresada dos grupos, implicados en sacar adiante un ano máis esta cita alternativa, así como a colaboración do equipo de son e o Concello de Betanzos.
Pola súa banda, Henrique del Río, candidato do BNG ao Parlamento deGaliza, explicou que a intención dos nacionalistas é recuperar a Rede Galega de Locais de Ensaio para ofrecer apoio e oportunidades aos grupos que ensaian nos locais de Bellavista. Ademais, o BNG quere poñer en marcha, nos medios públicos de comunicación de espazos específicos onde a mocidade e as súas creacións sexan protagonistas.
Nesta liña, asegurou que o compromiso do BNG é diversificar o lecer nocturno, promovendo actividades que estean fóra dos circuítos comerciais habituais, con carácter complementario e non substitutivo e recuperar o Noitebús.