Os orzamentos de 2013 confirman que o PP non quere tren de cercanías para Betanzos
"Os orzamentos de 2013 para Betanzos e a súa comarca, resúmense en que non hai ningunha partida para as demandas que levamos durante anos trasladando ao Estado".
Betanzos, 11 de outubro de 2012. O BNG fixo hoxe unha primeira avaliación dos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013 que ven de presentar o PP e anunciou a súa intención de presentar emendas a este proxecto de orzamentos.
O portavoz do BNG, Henrique del Río, criticou que nos orzamentos do Estado, non hai orzamento para ningunha das demandas dos betanceiros e betanceiras que o BNG ten trasladado nos últimos anos a través dos seus representantes no Congreso dos Deputados. Temas como a mellora da seguridade viaria na Angustia ou na nacional 651 ao seu paso pola Ponte Vella e a Ribeira, non precisan dun grande investimento, pero non son tidos en conta nestes orzamentos, informou.
O voceiro nacionalista, criticou que se inclúan obras que nunca se executan só con fins electoralistas e para enganar á cidadanía e crearlle falsas expectativas. Nesta liña indicou que nos orzamentos de 2012, aparecía unha partida para construír a terceira rolda, é dicir, unha nova circunvalación en Betanzos, unha obra que o BNG xa advertiu naquel momento que non era prioritaria comparada con outros investimentos moito mais necesarios na nosa cidade e que, con toda probabilidade, quedaría sen executar e por desgraza o tempo deunos a razón. Non nos parece de recibo enganar aos veciños e crearlles falsas expectativas e menos xogar así cos orzamentos públicos, engadiu o voceiro nacionalista.
Moito mais preocupante aínda nos parece que desapareza tamén a partida para o saneamento da Ría, que era o mais positivo que percibimos nos orzamentos de 2012 e unha vella demanda do BNG, por suposto tampouco se executou nin se fixo nada neste eido, criticou Del Río, debera darlles vergoña vender actuacións con cartos públicos que despois non se executan e mais nun caso coma este, xa que unha ría saneada debera ser unha fonte de riqueza e postos de traballo, nun momento de crise terríbel coma o que estamos a vivir.
Desde o BNG tamén ven preocupante que non houbera ningún interese por executar a partida para a liña de cercanías, outra demanda dos nacionalistas. Nos orzamentos de 2012, había unha partida específica para un estudo sobre o tren de cercanías na liña Betanzos Ferrol, nos levamos o tema ao Pleno do Concello que decidiu reclamarlle ao Estado que actuara neste sentido, informou o voceiro do BNG, nos orzamentos de 2013, tampouco aparece nada para este estudo nin para a rede ferroviaria nesta liña tan importante para articular a nosa comarca.
Os orzamentos de 2013 para Betanzos e a súa comarca, resúmense en que non hai ningunha partida para as demandas que levamos durante anos trasladando ao Estado, concluíu Del Río, aínda que senón as van a executar e só son para facer electoralismo, case é mellor que deixen de enganar aos veciños e veciñas.