Galiza Nova exixe ao PSOE que elimine a figura da raíña das festas
É unha indecencia gastar cartos públicos nun acto que promove a desigualdade entre os xéneros e redunda nos valores que forman parte dos alicerces da sociedade tradicional que promovía a desigualdade entre mulleres e homes.
Betanzos, 11 de maio de 2012. Galiza Nova convidou ao alcalde de Betanzos a seguir o paso dado polo seu homólogo de Sarria e eliminar a figura da raíña das festas. Segundo as mocidades do BNG, os actos relacionados coa raíña das festas levaron arredor de 13 000 euros do orzamento das festas do pasado 2011.
"É unha indecencia gastar cartos públicos nun acto que promove a desigualdade entre os xéneros e redunda nos valores que forman parte dos alicerces da sociedade tradicional que promovía a desigualdade entre mulleres e homes, aseguran desde Galiza Nova. Non se poden gastar arredor de 13 000 euros en tempos de crise nunha cousa como esta, censuran as mozas e mozos nacionalistas.
Galiza Nova cuestiona que o goberno local do PSOE aprobase recentemente un plan de igualdade que fala de acabar cos estereotipos sexistas mentres se manteñen actos como os das raíñas. Non se pode aprobar un plan de igualdade que fala de suprimir prexuízos sexistas e manter unha figura como a da raíña das festas, que toda ela é sexismo, aseguran.
Por este motivo, as mocidades nacionalistas exixen ao goberno do PSOE un pouco de coherencia entre os plans que aproban e os actos que organizan e que destinen os 13 000 euros que gastan na raíña aos servizos públicos.