O BNG cuestiona a cesión do encoro ao Concello da Coruña
O BNG preguntou ao goberno local se tiña pensado formular alegacións ao proxecto para abastecer o encoro de auga desde a balsa da mina de Meirama, no prazo de información pública que rematou a semana pasada.
Betanzos, 6 de setembro de 2012. O BNG cuestionou no Pleno a cesión do encoro de Cecebre de Augas de Galicia a Concello da Coruña (EMALCSA). Como afecta este cambio da titularidade ao Concello de Betanzos?, interrogou a concelleira nacionalista María Otero, xa que parte deste encoro está na parroquia de Piadela, no Concello de Betanzos, o cambio da titularidade do encoro, de augas de Galicia ao concello da Coruña, pode ter repercusións no noso Concello.
O BNG preguntou ao goberno local se tiña pensado formular alegacións ao proxecto para abastecer o encoro de auga desde a balsa da mina de Meirama, no prazo de información pública que rematou a semana pasada. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, anunciou que o BNG presentou alegacións a este proxecto e pediu que se aclararan os motivos polos que a Xunta asinou un convenio coa empresa EMALCSA onde se lle entrega a xestión e explotación da presa e o encoro, sen ter en conta a opinión do resto de concellos da área metropolitana da Coruña e as consecuencias que esta medida ten na actualidade e podería ter de cara ao futuro.
O cambio de titular do encoro afecta á parroquia de Piadela
Ademais, O cambio de titular na xestión do encoro afecta ao Concello de Betanzos, porén non temos constancia de que fose informado desta circunstancia, engadiu Del Río, xa que o Concello ten viario e equipamentos na zona de influencia do encoro.
O Concello de Betanzos, aínda que polo de agora non capta neste encoro a auga do seu servizo de subministro de auga potábel, resulta afectado tamén por este proxecto e as súas consecuencias, engadiu. Ademais de todo o relativo á calidade da auga e conservación do LIC Encoro de Cecebre-Abegondo, o cambio na titularidade de encoro e presa pode resultar lesivo para Betanzos no que se refire á conservación do medio, espazos, equipamentos e viario da rede municipal de comunicacións.
O BNG solicita que se garanta a calidade da auga
No proxecto bótase en falta un estudo rigoroso sobre a calidade das augas e a súa idoneidade para o consumo humano, tendo en conta a lexislación vixente, concluíu o voceiro nacionalista. En ningunha parte do estudio se describen as súas características actuais nin o comportamento futuro que poidan ter xa que o enchido da mina aínda non está rematado.