Denunciamos que a Xunta pecha urxencias psiquiátricas no centro do Carregal ate logo de Reis
“Parece que para o PP quen vivimos fóra das grandes cidades non temos dereito a unha sanidade de primeira”
“o persoal ten todo o dereito do mundo a ter os seus permisos e vacacións, pero a veciñanza temos o mesmo dereito a ter un servizo de calidade e a Xunta a obriga de garantilo”
“Parece que para o PP quen vivimos fóra das grandes cidades non temos dereito a unha sanidade de primeira”
“o persoal ten todo o dereito do mundo a ter os seus permisos e vacacións, pero a veciñanza temos o mesmo dereito a ter un servizo de calidade e a Xunta a obriga de garantilo”
Betanzos, 28 de decembro de 2017. O BNG denunciou que o servizo de urxencias psiquiátricas do centro de especialidades de Betanzos está pechado até o 9 de xaneiro e a veciñanza do concello de Betanzos e a súa comarca teñen que agardar para ser atendidos ou ser derivados a outros centros para recibir este servizo. “Ao igual que sucede noutros servizos como o de pediatría, matrona ou xinecoloxía, como vimos denunciando desde hai anos, tampouco se cobren as vacacións do persoal de urxencias psiquiátricas do centro de especialidades de Betanzos e estanse derivando pacientes ao CHUAC, provocando un trastorno evidente aos doentes e o colapso do propio hospital”, denunciou o portavoz do BNG, Henrique del Río.
As nacionalistas anunciaron que trasladarán este tema ao Parlamento galego e reclamarán ao SERGAS que garanta a calidade do servizo e contrate persoal para cubrir as baixas e vacacións do persoal unha vez máis. “Este centro de especialidades é o de referencia para toda a comarca de Betanzos e non cubrir a praza provoca problemas para todas as persoas usuarias que teñen que desprazarse nalgúns casos como o de Aranga máis de 3 cuartos de hora até o CHUAC”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.
O PP votou en contra de destinar fondos para persoal e cubrir ausencias neste centro
O BNG presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para 2018 precisamente neste sentido. “Pediamos cartos suficientes para contratar persoal e cubrir as baixas en todos estes servizos que quedan sen atender cando hai vacacións, licenzas ou ausencias e que repercuten negativamente no servizo que recibimos” explica Del Río. “O persoal ten todo o dereito do mundo a ter os seus permisos e vacacións, pero a veciñanza temos o mesmo dereito a ter un servizo de calidade e a Xunta a obriga de garantilo” detalla.
“O PP votou en contra de destinar fondos para cubrir estas ausencias e dar un servizo de calidade no centro de especialidades de Betanzos”, denuncia o edil. “Parece que para o PP quen vivimos fóra das grandes cidades non temos dereito a unha sanidade de primeira”, ironiza. “Son as consecuencias dos recortes na sanidade pública do PP, que logo sempre ten cartos para financiar a privada”, conclúe.