Denunciamos que o goberno local aínda solicitou este mes a sinatura do convenio coa Deputación para o Pasatempo
O executivo local iniciou o pasado día 23 o procedemento para contratar o amaño da pasarela, que Amigos do Pasatempo, expertos en patrimonio e BNG suxiren retirar para preservar os muros do Pasatempo. Á concentración convocada para mañá ás 12 acudirá o deputado Xosé Luís Rivas, “Mini”.
O executivo local iniciou o pasado día 23 o procedemento para contratar o amaño da pasarela, que Amigos do Pasatempo, expertos en patrimonio e BNG suxiren retirar para preservar os muros do Pasatempo. Á concentración convocada para mañá ás 12 acudirá o deputado Xosé Luís Rivas, “Mini”.
Betanzos, 27 de novembro de 2018. O BNG denunciou que aínda o pasado 5 de outubro o goberno local fixo a solicitude formal de convenio coa Deputación para a rehabilitación do Pasatempo. “Na relación de decretos da Alcaldía que se remite ao Pleno do vindeiro martes atopamos que a resolución solicitándoo aínda se asinou o pasado 5 de outubro”, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.
“Ao que se ve nos papeis oficiais, ten máis interese a Deputación en amañar o Pasatempo que o goberno local”, ironiza o edil nacionalista. Desde o BNG recordan que o goberno provincial aprobou a achega o pasado mes de marzo, mentres que o goberno local fai a solicitude o pasado día 5 e dispuxo da súa parte dos fondos para a rehabilitación no pleno do pasado 25 de novembro.
“E iso que o goberno local leva anos falando deste convenio que non tivo présa ningunha en pedir oficialmente”, explica Del Río. As nacionalistas recordan que as áreas de Patrimonio, Cooperación cos Concellos e Cultura da Deputación, responsables do convenio, son precisamente parte das que dirixe o BNG no goberno provincial. “Durante dous anos o goberno local non fixo absolutamente nada para garantir a conservación do Pasatempo”, resume.
Neste sentido, as nacionalistas recordan que o único investimento realizado polo goberno local no parque neste mandato é o de rehabilitar a pasarela metálica. “PSOE, PP e Betanzos Novo aprobaron gastar 280 000 euros en amañar a pasarela para entrar nun recinto que literalmente está a caer”, explica o edil nacionalista. “Xa advertimos no seu momento do perigo do peso e que había cousas máis urxentes e por desgraza o tempo deunos a razón, ogallá nos equivocaramos”, lamenta Del Río.
Desde o BNG desvelaron que nas resolucións das que se dará conta a este Pleno vai, tamén, iniciar o procedemento para contratar esta obra, cuestionada, ademais de polas nacionalistas, pola Asociación de Amigos do Pasatempo e por expertos en patrimonio. “Esa é a prioridade de inversión no Pasatempo que teñen”, lamenta o nacionalista.
Sen proxecto por agora para o Pasatempo
As nacionalistas demandan ao goberno local que aclare “quen está redactando o proxecto para intervir no Pasatempo”. “Primeiro o PSOE dicía que era proxecto o estudo previo presentado en 2016, despois anunciaron unha partida de 160 000 euros nos orzamentos municipais do 17 para facelo e non o fixeron”, recorda o voceiro do BNG. “Ultimamente din que é cousa da Xunta e desenténdense das súas responsabilidades no parque”, explica. “E aínda cando caeu outro pedazo esta semana volveron enredar con que non se podía actuar no parque sen ese documento”, reproba Del Río.
O BNG presentou unha batería de iniciativas hai quince días no Parlamento de Galiza para demandar da Xunta axilizar o procedemento de declaración do parque coma Ben de Interese Cultural e aclarar se está redactando o proxecto de rehabilitación do parque como o goberno local sostén. Ademais, tanto nesa batería de iniciativas como nas emendas aos orzamentos da Xunta, as nacionalistas demandan que o goberno galego aporte 750 000 euros para rehabilitar o parque enciclopédico.
Respaldo á concentración convocada por Amigos do Pasatempo
O BNG apoia a concentración convocada para mañá ás 12 diante do parque convocada pola Asociación de Amigos do Pasatempo e anima á veciñanza a asistir desafiando ao mal tempo. O deputado Xosé Luis Rivas “Mini”, autor das iniciativas sobre o recinto, acudirá.