Denunciamos a contratación de persoal a través dunha empresa privada para a Feira Franca Medieval
“O curioso é que cada ano o goberno local cambia o nome da empresa á que lle dá este contrato, pero sempre son as mesmas persoas as que traballan en dependencias municipais”. “O PSOE tómase demasiado en serio o da volta á Idade Media outorgando a dedo mercés a quen lle peta ao señor feudal”
“O curioso é que cada ano o goberno local cambia o nome da empresa á que lle dá este contrato, pero sempre son as mesmas persoas as que traballan en dependencias municipais”. “O PSOE tómase demasiado en serio o da volta á Idade Media outorgando a dedo mercés a quen lle peta ao señor feudal”
Betanzos, 9 de xuño de 2017. O BNG cuestiona que o goberno local contrate novamente unha empresa privada para a organización da Feira Franca Medieval. “Mentres os servizos de uso cotián están en precario a causa da falta de persoal, o goberno do PSOE contrata persoal para organizar festas e patronear a lancha municipal”, censura o voceiro do BNG, Henrique del Río.
As nacionalistas chaman a atención, ademais, sobre a opacidade con que levou a contratación o goberno local. “Acabamos de ter un pleno a pasada semana, unha xunta de voceiros hai dúas e varias comisións no último mes- unha delas, precisamente, sobre a Feira Franca Medieval- e en ningunha delas o goberno local tivo a ben contar á Corporación que ían privatizar novamente parte da organización das festas”, engade o edil do BNG. “Por algo será tanto secretismo”, ironiza.
“O ano pasado xa denunciamos que as condicións e prazo no que facían pública a licitación facían entrever que xa tiñan amañado o contrato de antemán e este ano nin sequera o sacaron xa a licitación pública, o PSOE contratou á empresa que lle petou”, explica Del Río. “E era un contrato de apoio para a Feira Franca Medieval pero o persoal estivo no Concello até que remataron as festas patronais”, engade. O BNG solicitou esta mañá toda a documentación sobre esta contratación para valorar os pasos a dar no sucesivo.
“O curioso é que cada ano o goberno local cambia o nome da empresa á que lle dá este contrato, pero sempre son as mesmas persoas as que traballan en dependencias municipais utilizando medios que están reservados para o persoal público”, detalla o portavoz do BNG. “Isto ten motivado informes en contra das funcionarias municipais outros anos” explica.
“O PSOE tómase demasiado en serio o da volta á Idade Media outorgando a dedo mercés a quen lle peta ao señor feudal”, ironiza Henrique del Río. “Deberían lembrar que é unha ficción, que estamos no século XXI, que hai unha Lei de Contratos moi clariña, que hai só unha forma de acceder a un emprego público e que Betanzos pagou xa demasiados pratos rotos polas veces que ao PSOE lle deu por saltar as leis”, engade.
As nacionalistas advirten, ademais, que o pasado ano este persoal da empresa privada participou na comisión técnica da Feira Franca Medieval, con voz e voto, o que implica, a xuízo do BNG que persoal que non é do Concello decida sobre bens do Concello, sobre medios do Concello, sobre a programación festiva que paga o Concello e sobre alugueiro das rúas do Concello, mentres que a edís da Corporación se lle oculta información sobre estas cuestións.
Neste sentido, as nacionalistas denuncian que continúan agardando a que o goberno local achegue documentación de anteriores edicións da Feira Franca Medieval. “Aínda estamos agardando a que o alcalde teña a ben darnos a información sobre estas comisións técnicas, quen asiste e que deciden e en base a que criterios, porque o goberno local presume de transparencia pero levamos anos agardando por esta información” relata. “Por algo será que non queren que a fagamos pública”, ironiza.