O BNG propoñerá no Pleno bolsas e un banco de libros para o conservatorio municipal
Desde o BNG insisten en que se debe mancomunar un servizo que de feito xa é comarcal.
Betanzos, 26 de outubro de 2013. O BNG propoñerá no Pleno do vindeiro martes crear unha liña de bolsas para estudos no Conservatorio Municipal Carlos López García-Picos, coa contía suficiente e de acordo con criterios progresivos de distribución. O voceiro do BNG, Henrique del Río, explicou que logo de que o goberno local do PSOE anunciase a suba das taxas do Conservatorio para o vindeiro curso, o Concello debe articular mecanismos para que ninguén quede fóra deste servizo por unha cuestión de cartos.
Os nacionalistas, que xa reclamaron ao goberno do PSOE que modifique o proxecto da nova taxa para que sexa realmente progresiva, aseguran que estas bolsas deben seguir, para ser realmente redistributivas, os criterios de progresividade e xustiza social aprobados no pasado Pleno a instancias do BNG.
Neste sentido, desde o BNG entenden que se en 2011 eran 90 os alumnos que cursaban estudos no conservatorio e no curso actual, apenas superan os 70 será porque a situación de crise económica ten levado a algunhas familias a prescindir de matricular aos seus fillos e filias neste centro. O Concello debe facer un esforzo para poñer ao alcance de todas as familias este servizo por medio dunha liña de axudas que evite a exclusión das persoas con menos recursos dunha programación formativa complementar para as súas filias e fillos, explica Del Río.
Para conseguir esta finalidade, ademais, os nacionalistas propoñen poñer en marcha un banco de libros de texto para o alumnado do conservatorio de maneira que desde o Concello se facilite todo o posíbel o acceso a esta formación.
Comarcalizar o conservatorio como alternativa que garanta a súa viabilidade
No tocante á taxa do Conservatorio, os nacionalistas aseguran que non se pode pretender financiar o servizo a costa unicamente dos usuarios e usuarias. Desde o BNG insisten en que se debe mancomunar un servizo que de feito xa é comarcal e reclaman ao alcalde do PSOE que igual que convoca aos alcaldes da comarca para pedir máis forzas de seguridade, o faga para garantir servizos educativos na comarca.
O PSOE non pode pretender que as familias asuman a parte que Xunta e Deputación deixan de financiar do Conservatorio, aseguran. O ensino formal ou non formal non se pode avaliar en termos de beneficio económico, é un servizo e polo tanto o goberno local ten a obriga de asegurar que non hai unha discriminación para acceder por razón da renda, aseguran desde o BNG.